O CAAN da Deputación rescata na Cañiza cinco cachorros que foron arroxados a un colector nunha bolsa atada

Os animais, tres femias e dous machos que tiñan tan só un día de vida, están a recuperarse nas instalacións da Armenteira

02/10/2023

CAAN RESCATE CACHORROS A CAÑIZA

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra acaba de rescatar, no municipio da Cañiza, cinco cachorros que foran arroxados a un colector dentro dunha bolsa atada. Os animais, tres femias e dous machos, tiñan tan só un día de vida e atópanse en relativo bo estado de saúde a pesar das circunstancias. Nestes momentos están a recuperarse nas instalacións da Área de Maternidade do centro na Armenteira.

Foi unha veciña a que descubriu o pasado sábado, 30 de setembro, os cachorros nun colector da rúa Álvaro Cunqueiro da Cañiza e deu aviso á Garda Civil, que alertou o CAAN. Persoal do centro trasladou os cinco cachorros: tres femias, ás que se lles deron o nome de Brisa, Bimba e Lola, e dous machos, chamados Sancho e Lucas. Nas instalacións da Armenteira están a recibir a alimentación e os coidados necesarios e, de continuar a súa favorable progresión, seguirán no centro ata completar o proceso para saír en adopción, que se prevé nun par de meses, en canto conten coa pauta de vacinación completa. Amais, os animais sairán desparasitados interna e externamente e con chip.  

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas coma para formalizar  as adopcións, débese pedir cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.