O CAAN da Deputación de Pontevedra supera as 500 adopcións no que vai de ano

A cifra de 504 animais que atoparon fogar desde xaneiro supón un incremento de preto do 5 % con respecto ao  mesmo período de 2022 e Vigo e Pontevedra son os concellos con máis acollidas

22/10/2023

CAAN

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra acaba de superar as 500 adopcións no que vai de ano. Esa cifra acadouse coa marcha de Grubi, unha cadela que se recolleu en Pontecesures hai un mes e que atopou un novo fogar fóra de Galicia, concretamente en Ávila. Son xa 504 os cans e cadelas que saíron das instalacións da Armenteira desde o 1 de xaneiro, cunha media de 1,7 adopcións diarias, o que supón un incremento de preto do 5 % con respecto ao mesmo período de 2022, no que se contabilizaron 481.

Todas as 504 adopcións formalizáronse no territorio nacional, a maioría en Galicia (432), aínda que hai que subliñar as 50 acadadas en Castela e León, ademais das 13 en Asturias, 4 en Cataluña, 3 en Madrid, 1 en Castela A Mancha e 1 en Estremadura. No tocante á comunidade galega, a meirande parte das saídas producíronse na mesma provincia de Pontevedra (338), seguidas das 39 en Ourense, 35 en Lugo e 20 na Coruña. O concello con máis adopcións é Vigo (57), seguido de Pontevedra (45). Na provincia tamén hai que destacar os rexistros de Meis (17), Vilagarcía de Arousa (16), Sanxenxo (15), Ribadumia (14), Redondela (13) ou Cambados (12).

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa as 24 horas do día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, co chip, desparasitados e esterilizados. O persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Para visitas e para formalizar as adopcións é necesario pedir cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.