Carmela Silva reclama en León dende a Comisión de Deputacións da FEMP máis transparencia sobre o reparto que as CCAA fan dos fondos europeos

O cumio comezou cun minuto de silencio polas vítimas do “Villa de Pitanxo” e encomendou á Deputación de Pontevedra o traslado das condolencias do mundo local ás familias afectadas pola traxedia

21/02/2022

Foto grupo FEMP

Aproveitar a oportunidade dos fondos europeos, garantindo que os recursos cheguen con transparencia e obxectividade ata as Entidades Locais, as máis próximas á cidadanía, e ao sector privado foi o eixe da intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, na xuntanza da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrada esta mañá en León. A presidenta deu a voz de alerta sobre a situación que se vive en Galicia e demandou máis controis sobre reparto dende a escala autonómica.

A xuntanza da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da FEMP comezou cun minuto de silencio polo naufraxio do “Villa de Pitanxo” en Terranova. Ao Comisión pediu á Deputación de Pontevedra que traslade a solidariedade e o cariño de tódalas deputacións e entidades insulares de España ás familias e concellos afectados pola traxedia.

No encontro, Carmela Silva explicou que a FEMP e o Goberno de España están facendo un esforzo para que os  recursos extraordinarios procedentes de Bruxelas cheguen ás Entidades Locais, pero, cando menos no caso de Galicia, hai motivos para preocuparse pola xestión dos fondos que chegan dende Europa. Por un lado, engadiu, aínda non se publicaron ordes reguladoras de convocatorias para que o sector privado e o mundo local poidan presentar proxectos e, por outra parte, a Xunta ten unha longa traxectoria de utilización dos fondos europeos para financiar, case en exclusiva, aos concellos gobernados polo PP. Por tanto, anticipou a súa oposición á postura que o presidente galego, Núñez Feijoo, defenderá na Conferencia de Presidentes. Considera Carmela Silva que o Goberno de España debe dar garantías de que os recursos europeos chegarán a todo o territorio e de que as ordes que o Goberno publique nos próximos meses se baseen en criterios obxectivos e non nun reparto directo ás Comunidades Autónomas. “O mundo local debe participar directamente deses fondos “, insistiu.

Nesta liña, a presidenta da Deputación referiuse directamente ás próximas axudas para a dixitalización, creación de itinerarios peonís o ciclistas e redución de emisións de CO2 nas infraestruturas de comunicacións para reclamar a participación directa das Entidades Locais. “Non podemos esquecer que en Galicia o 56% da rede de estradas é provincial e, por elo, non sería asumible que estes recursos chegaran só á Comunidade Autónoma”. Destacou tamén que dende a Deputación de Pontevedra hai un traballo feito, que comezou hai máis dun ano, para dispor de “proxectos maduros” para presentar a estes fondos e, deste xeito, seguir avanzando na transformación de todo o territorio provincial.

Durante a xuntanza das Deputacións e entidades insulares supramunicipais da FEMP presentouse tamén un informe sobre as infraestruturas de comunicacións provinciais. No informe, a de Pontevedra aparece como unha das deputacións que máis recursos propios destina ao mantemento, conservación, urbanización e reurbanización das súas vías de comunicación. Á vista deste informe, a Comisión acordou demandar das CCAA e do Goberno que teñan en conta a realidade do mapa de infraestruturas en cada provincia como instrumento de cohesión territorial e reclamaron achegas autonómicas e estatais.

Finalmente, o foro das Deputacións da FEMP puxo en valor o esforzo por aprobar plans antifraude que garantan o correcto uso dos fondos europeos e o apoio aos concellos para que puidesen sacar adiante este instrumento, que é requisito obrigado na normativa UE para poder xestionar os Next Generation. A Deputación de Pontevedra foi unha das primeiras en sacalo adiante e en celebrar sesións informativas de asesoramento aos municipios, así como en entregarlles o documento, como modelo para os plans municipais.