O Ciclo Mestre Mateo continúa este venres en Baiona coa proxección do filme de animación “Valentina”

O pase do filme dirixido por Chelo Loureiro terá lugar no Multiúsos de Sabarís, ás 19:00 horas no marco do programa da Deputación e a Academia Galega do Audiovisual

06/09/2023

O Multiúsos de Sabarís, en Baiona, acollerá este venres 8 de setembro, ás 19:00 horas un pase da película de animación Valentina, dirixida por Chelo Loureiro, no marco do Ciclo Mestre Mateo. A través deste programa, promovido pola Deputación de Pontevedra e pola Academia Galega do Audiovisual, as dúas institucións buscan achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

O filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García. Entre o seu palmarés figura o Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e foi finalista aos Premios Mestre Mateo nesta mesma categoría.

Ademais de Baiona, esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo recala nos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas de Reis. Estes cinco municipios exhiben ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas, respectivamente, como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.

O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais Onde máis doe, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival; Non somos nada, de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona; e A Foreign Song, de César Souto (2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén as películas Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e Código Emperador, de Jorge Coira (2022), que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.