O Ciclo Mestre Mateo continúa este luns en Baiona coa fita “María Casares, a muller que viviu mil vidas”

A Deputación e a Academia Galega do Audiovisual programan no multiúsos de Sabarís unha proxección do gañador a mellor documental nos Premios Mestre Mateo

27/08/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Deputación de Pontevedra e pola Academia Galega do Audiovisual para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, chega este luns 28 de agosto ao concello de Baiona. O multiúsos de Sabarís acollerá ás 21:00 horas un pase do filme María Casares, a muller que viviu mil vidas, do realizador Xavier Villaverde e producido por Agallas Films. O título foi gañador do Premio Mestre Mateo na modalidade de mellor documental.

O documental é unha homenaxe desde a Galicia natal que, tras o primeiro centenario do seu nacemento, rememora a importancia da figura de María Casares e aborda a súa historia de forma íntima e profunda. Trátase do retrato dunha vida que estivo marcada pola Guerra Civil e polo exilio, e na que se entrecruzan personalidades culturais do panorama internacional cos acontecementos históricos sucedidos na Europa do século xx.

Ademais de Baiona, a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo recala na Guarda, na Estrada, no Grove e en Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación cinematográfica que inclúe, xunto con María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.

O resto de títulos do programa son os documentais Onde máis doe, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival, e A Foreign Song (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, a película Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022), que se estreou no Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.