Caldas de Reis acolle este mércores unha dobre sesión do Ciclo Mestre Mateo coa proxección das películas “Unicorn Wars” e “O corpo aberto”

Os filmes, gañadores dos Premios Mestre Mateo este ano á mellor película de animación e á mellor longametraxe, proxectaranse ás 18:30 e ás 20.30 horas

24/10/2023

O Auditorio Municipal de Caldas de Reis acollerá este mércores 25 de outubro unha nova dobre sesión cinematográfica ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, ás 18:30 horas terá lugar o pase do filme de animación Unicorn Wars, mentres que ás 20:30 horas será a quenda de O corpo aberto, recoñecidas como mellor película de animación e mellor longametraxe na última edición destes galardóns.

Con guión e dirección de Alberto Vázquez e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, Unicorn Wars recibiu o pasado 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista neste ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección, dirección de arte, guión, montaxe e son. A historia arranca co exército osiño adoutrinando novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameazan a seguridade do seu pobo. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto aos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.

Por outra banda, O corpo aberto, dirixido por Ánxeles Huerta, está protagonizado por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus papeis  principais e acumulou un total de quince candidaturas aos Mestre Mateo deste ano. A historia, ambientada en 1909, preséntanos a Miguel, un mestre novo destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Neste lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

Ademais de Caldas de Reis, o ciclo chega este ano aos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Baiona. Estes municipios están a exhibir unha programación que inclúe, xunto aos citados filmes, as películas María Casares, a muller que viviu mil vidas, mellor documental nos Mestre Mateo, así como os outros documentais finalistas, Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022); Non somos nada (Javier Corcuera, 2022) e A Foreign Song (César Souto, 2022), e as películas Live is Life (Dani de la Torre, 2022) e Código Emperador (Jorge Coira, 2022).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.