A Deputación pecha o proxecto “Mulleres extramuros”, co que encheu de arte contemporánea o núcleo rural de Vide, no concello das Neves

Xoana Almar e Miguel Peralta, Nuvi & Éxfico, Ana Soler, Doa Oa, Carme Nogueira e Javier Fernández de Lis, Lucía Loren e Iva Viana transformaron a aldea coas súas propostas creativas, deseñadas tras a súa experiencia de convivencia coa veciñanza

07/10/2023

O núcleo de Vide, nas Neves, encheuse de arte contemporánea da man da Deputación de Pontevedra e do proxecto “Mulleres extramuros”. Despois de meses de traballo pechouse esta iniciativa cunha xornada de festa e de percorrido polas sete propostas creativas que xa locen en fachadas e espazos da aldea a cargo das e dos artistas protagonistas desta segunda edición do programa: Xoana Almar e Miguel Peralta, Nuvi & Éxfico, Ana Soler, Doa Oa, Carme Nogueira e Javier Fernández de Lis, Lucía Loren e Iva Viana. A arte mural, a escultura ou o traballo cerámico conforman as intervencións que todas e todos eles realizaron para transformar este núcleo rural, froito da súa experiencia coa convivencia coa veciñanza.

Deste xeito, as propostas das e dos artistas inspiráronse en experiencias persoais e nas historias compartidas polas veciñas e veciños, co obxectivo de que as intervencións deixen pegada no territorio como elemento dinamizador do rural e como foco de atracción turística. No propio percorrido que serviu como presentación, tivo lugar en vivo unha das accións, a cargo do dúo vigués Carme Nogueira e Javier Fernández de Lis. Desde a pesqueira do estreito fixeron o lanzamento dunha corda feita de materiais naturais para que atravesase o río Miño como parte do seu proxecto “Tirar da corda”.

A coordinación de “Mulleres extramuros” correu a cargo da grovense Xoana Almar, de Cestola na Cachola, que xunto con Miguel Peralta, de Almería, realizou un mural nunha fachada da Casa da Comunidade de Regantes, coa técnica de esgrafiado, que representa os sucos “que na terra levan a auga e, con ela, a fertilidade e a vida”. A súa proposta tamén fai referencia ao concepto de sucos como marcas do paso do tempo, para lembrar, deste xeito, que a Casa da Comunidade de Regantes, creada en 1905, é das máis antigas de España.

Pola súa banda, Iva Viana, de Viana do Castelo, interveu no lavadoiro do barrio de Miranciños, un lugar que a fascinou como espazo de encontro das mulleres, a través do recubrimento do seu teito interior con follas de carballo. Ademais de homenaxear a memoria da zona e das mulleres, coa proposta quixo recoñecer o poder simbólico da carballeira como lugar de pertenza e de comunidade, despois de coñecer que o pasado ano a veciñanza se mobilizou para a súa protección ante a ameaza dos incendios.  

Doa Oa, de Sober, “reforestou” unha das fachadas da Escola de Vide cunha pintura mural que representa a flora silvestre que crece na zona e que a artista coñeceu nas súas conversas coa veciñanza. Inspirada nesas plantas creou unha composición botánica que representa a diversidade vexetal silvestre que “é importante conservar como parte da diversidade tanto medioambiental coma cultural dun territorio”. A autora destaca que a imaxe tamén leva a pensar nun “paseo poético” polos camiños de Vide, “en ter presente a importancia do contacto coa natureza e tamén a beleza natural e silvestre que nos rodea”.

No caso do dúo Nuvi & Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandón, do Rosal e da Guarda, respectivamente), crearon en Miranciños o mural “Vive Vide, Vide vive. Unindo tradición e espírito veciñal”. Co lema quixeron reflectir que o pobo desborda vida e na pintura representaron ese espírito desde dous puntos de vista: a vinculación da vila coa auga a través dos ríos Termes e Miño e a súa unión veciñal, que se traduce en múltiples festexos e actividades culturais ao longo do ano.

Partindo do título “Mulleres extramuros”, Ana Soler, de Sevilla, fixo unha reflexión sobre o concepto do muro físico e do virtual. Tras percorrer a parroquia coa veciñanza, a artista enriqueceu o muro virtual de Vide con dez intervencións realizadas con azulexos en diferentes barrios da parroquia. Nelas reinterpreta as iconas máis significativas da interface virtual dun lugar: o punteiro de Google Maps e o punteiro-frecha que se usa para navegar. Con estas pezas escultóricas, Soler creou un novo itinerario coa intención de atraer visitantes que percorrerán a parroquia na procura de atopar todas as iconas.
 
Por último, a madrileña Lucía Loren realizou unha intervención artística deseñada especificamente para as ruínas dun lagar, coa que reflexiona sobre a paisaxe cultural dos viñedos. Deste xeito, creou varias pezas escultóricas tecidas con vimbio, repletas de pedras e bacelos no seu interior, para o que empregou técnicas tradicionais que se vinculan coa cultura popular local e reivindican o seu uso.