A Deputación de Pontevedra comprométese a investir en Balaídos colaborando co Concello e escoitando o Celta de Vigo

A vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, asegurou que “o noso apoio á grada de Gol está fóra de toda dúbida” para contar cun estadio que permita ao Celta de Vigo celebrar o seu centenario dentro doutros cen anos

18/09/2023

Reforma Gol Balaídos

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asegurou nunha rolda de prensa na sede de Vigo que “o apoio da institución provincial á obra do estadio de Balaídos sempre estivo fóra de toda dúbida, imos investir en Balaídos e en moitos outros proxectos que beneficien a cidade e que este goberno considere necesarios e incluirémolos nos orzamentos”. A vicepresidenta primeira comprometeuse a traballar “con acordos claros, transparentes e que impliquen a todas as partes, tanto o Concello de Vigo como o Celta de Vigo” á hora de acometer a reforma do estadio.

Marta Fernández-Tapias, que lembrou que o proxecto de remodelación de Balaídos se remonta a un convenio asinado en 2015 co goberno de Rafael Louzán, asegurou que a Deputación asume a reforma de Gol “co obxectivo de que non aconteza o mesmo que con Marcador”, en alusión a “unha serie de despropósitos, con sobrecustos, retrasos nos prazos, o illamento do club no proxecto e a ausencia dun acordo marco. Foron oito anos nos que se foi tirando cara adiante e que remataron con máis do dobre do investimento presupostado e oito anos de espera para a grada de Marcador”. A vicepresidenta emprazou a todas as partes a “sentarnos xa e falar de prazos, importes e necesidades, escoitando tanto o Concello, que agardamos que nos comunique a folla de ruta que quere seguir, como o Celta, xa que o que queremos os celtistas é que o Celta de Vigo  celebre o seu próximo centenario en Balaídos e para iso precisamos un estadio en condicións”.

Fernández-Tapias apelou a que “ten que haber ese diálogo para o ben de todos, e estamos á súa absoluta disposición”, porque “estamos falando do diñeiro de todos os cidadáns e é algo moi serio”. Por este motivo, “imos sentarnos e negociar para sentar as bases de cal vai ser ese convenio, chegar a un entendemento para que a reforma da grada de Gol non sexa un despropósito e que se faga en tempo, en forma e no orzamento que se estipule”.

A Deputación reclama “colaboración e entendemento” ao Concello de Vigo

Marta Fernández-Tapias asegurou que “escoitaremos todas as propostas que veñan do Concello de Vigo, pero tendo en conta que a cidadanía nos escolleu para gobernar a Deputación de Pontevedra”. A este respecto, lembrou que “as relacións non empezaron ben” xa que, por unha banda, “quixéronnos botar desta sede antes de tomar posesión para eliminar a presenza da Deputación nesta cidade”, e pola outra, “houbo unha serie de interpretacións interesadas respecto a Balaídos que só pretendían xerar polémicas e abrir novos enfrontamentos”. Por iso, Fernández-Tapias apelou a que “o Concello rectifique esta actitude e volva á senda necesaria e que beneficiará a todos os cidadáns: a colaboración e o entendemento, que é o que queremos pedir desde aquí, desde agora e para sempre”.

Galerias de imaxes

videos