O programa “Degusta Europa” da Deputación leva aos mercados da provincia os sabores da gastronomía das Rías Baixas

Os centros integrados de formación profesional Carlos Oroza e Manuel Antonio servirán as tapas das degustacións que terán lugar entre o 19 de abril e o 4 de maio en Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo

05/04/2023

Presentación Degusta Europa 2023

A Deputación pon en marcha unha nova edición de “Degusta Europa”, un programa co que a institución provincial conmemora o Día de Europa, efeméride que recorda cada 9 de maio a firma da “Declaración de Schuman” (1950), a través de degustacións gastronómicas en mercados e prazas de abastos da provincia. Os concellos de Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo acollerán entre o 19 de abril e o 4 de maio esta iniciativa que “fará –tal e como explicou a deputada provincial Iria Lamas- unha homenaxe á gastronomía das nosas avoas, volvendo á orixe da cociña das Rías Baixas, recuperando receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais”. Contará, para elo, coa colaboración do alumnado e o profesorado dos centros integrados de formación profesional (CIFP) Carlos Oroza, de Pontevedra, e Manuel Antonio, de Vigo.

“As prazas de abastos e mercados municipais serán protagonistas de “Degusta Europa”, porque sempre foron uns grandes referentes comerciais dos concellos, nos que se poden adquirir produtos frescos e de gran calidade”, remarcou a deputada Iria Lamas. Deste xeito, estes espazos dos concellos de Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo acollerán entre o 19 de abril e o 4 de maio este programa de degustacións gastronómicas a través do cal “realizamos unha serie de pratos ante o público, tipo show cooking, que se elaboran con produtos da zona, incluíndo algúns que se mercan alí mesmo”. Todas as actividades terán lugar entre as 11.00 e as 12.00 horas.

O alumnado do CIFP Carlos Oroza será o encargado de elaborar os menús de Redondela, Cambados e Pontevedra, que contarán con dous pratos salgados e, nos tres casos, larpeira de sobremesa e ponche de Sansón e queimada 4.0. para beber. Así, o mércores 19 de abril “Degusta Europa” chega á Praza de Abastos de Redondela con lacón con grelos á feira e arroz negro de chocos con alioli; o xoves 20 de abril á Praza de Abastos de Cambados con zamburiña gratinada e mexillóns á crema, e o venres 21 de abril ao Mercado de Abastos de Pontevedra con empanada de bacallau con pasas e torrada de sardiña con pementos e patacas.

Pola súa banda o CIFP Manuel Antonio elaborará o mesmo menú para o resto dos mercados: tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de secreto de porco, tartaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo. Serviranse o mércores 26 de abril na Praza de Abastos de Tui, o mércores 3 de maio na Praza Ángel Bedriñana de Baiona e rematará o xoves 4 de maio no Mercado do Calvario de Vigo.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.