A Deputación estrea “Degusta Europa” en Redondela con máis de 800 tapas na praza de abastos

Carmela Silva lembrou que o programa celebra o Día de Europa “reinterpretando este ano desde a vangarda a cociña das nosas avoas e as nosas nais”

19/04/2023

Degusta Europa en Redondela

Lacón prensado con grelos á feira, arroz negro con chocos de alioli, sopas de burro canso, larpeira de sobremesa e ponche de Sansón, ou queimada 4.0. O programa da Deputación de Pontevedra “Degusta Europa” arrancou hoxe  na Praza de Abastos de Redondela, na que a veciñanza da vila e persoas traballadoras do mercado municipal acompañaron á presidenta, Carmela Silva e á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas que, xunto ao deputado Santos Héctor e a deputada Olga García, desfrutaron de máis de 800 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero.

Carmela Silva explicou que este programa se celebra para conmemorar o 9 de maio, Día de Europa, no que se firmou a “Declaración de Schuman” en 1950, “e a gastronomía é unha das cuestións máis importantes da Unión Europea, pois é patrimonio inmaterial dos seus pobos”.  Desta maneira, “Degusta Europa” permite poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica. “As Rías Baixas xogan un papel fundamental na gastronomía de Europa, porque non hai produtos como os nosos –asegurou a presidenta provincial-. E son precisamente os mercados tradicionais os que teñen o produto do día, de enorme calidade e aos que a xente ven mercar o mellor produto do mundo”.

Esta edición está ligada á campaña de turismo da Deputación, “Orixe”, polo que o menú busca facer unha homenaxe “á cociña tradicional, a das nosas avoas e nais, que é esa cociña de produto, feita con cariño”. O menú na Praza de Abastos de Redondela foi elaborado alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, “un centro de formación profesional que é un orgullo, non só da provincia ou Galicia, senón de toda España, porque é moi referenciado e ten moitos recoñecementos”, como asegurou Carmela Silva. Na mesma liña se expresou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que definiu ao alumnado do Carlos Oroza como “espectacular” e fixo fincapé na importancia de “dar un impulso aos mercados”. “Queriamos tamén revolucionar á xente que se achegase ata aquí con algo especial, que é degustar produtos como o noso choco da Ría, e non hai mellor espazo que esta Praza de Abastos”.

Todas as elaboracións foron preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, que será tamén o encargado dos menús de Cambados e Pontevedra. Pola súa banda, o CIFP Manuel Antonio de Vigo preparará as degustacións en Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.