Esgotadas as prazas para a ruta en caiac pola Illa de Arousa ao abeiro do programa “Depo Auga”

As vacantes das tres quendas dispoñibles para a actividade, prevista para o 4 de setembro, esgotáronse en menos de dúas horas

16/08/2022

Depo Auga non deixa de sorprender coa súa acollida. En menos de dúas horas, como xa ocorreu coa ruta pola Illa de Tambo, esgotáronse as prazas, divididas en tres quendas, que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición das persoas interesadas para o percorrido en caiac polo litoral da Illa de Arousa. A actividade transcorrerá por esta contorna ata o Illote Areoso. Trátase da derradeira cita desta segunda edición de Depo Auga, o programa de deporte sostible que promove rutas guiadas polos ríos e praias dos diferentes concellos da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun caiac.

O programa da Deputación dá resposta a prácticas deportivas que cada vez contan cun maior número de persoas afeccionadas e a unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. Depo Auga está dirixido a persoas amantes dos deportes da natureza e aventura, maiores de 18 anos ou menores (mínimo 14 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da ruta, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e entregaráselles todo o material necesario para realizar as actividades.

Este ano o programa provincial transcorreu por catro concellos co dúas rutas de paddle surf  por Vilaboa e Poio, e outras dúas de caiac polas Neves e A Illa de Arousa.