A Deputación referencia en mobilidade sostible e segura no 26 Congreso Vyodeal en Badaxoz

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, amosou o avance que ten suposto o modelo provincial e as actuacións levadas a cabo nos últimos 7 anos, que teñen transformado o territorio baixo a premisa da recuperación do espazo para as persoas  

16/11/2022

26 Congreso Vyodeal en Badaxoz

A Deputación de Pontevedra volve reafirmarse como modelo de mobilidade sostible, segura e centrada nas persoas na 26 edición do Congreso Vyodeal (Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local), inaugurado hoxe en Badaxoz polo presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara. A institución é unha das seis deputacións que participa neste evento, organizado pola Asociación Española de la Carretera (AEC), xunto a concellos, entidades e os e as maiores representantes do sector no Estado para reflexionar sobre “O investimento en estradas como política social”.  Deste xeito, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, participou hoxe no acto de inauguración e na primeira das mesas redondas do simposio, sobre as “Prioridades para a xestión da mobilidade no contexto local”.

Nesta mesa, Agís subliñou o avance que ten suposto o modelo provincial e as actuacións levadas a cabo neste eido, apoiándose nas imaxes do antes e despois das grandes actuacións en materia de mobilidade que están a transformar a provincia, derivadas do Decálogo de Actuacións nas vías provinciais, a Ordenanza de Seguridade Viaria da Deputación, a Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable e dos Principios Ágora de recuperación do Espazo Público.

Unha transformación que se ten concretado, como dixo, en 300 actuacións de recuperación de espazo público; nun investimento de 129 millóns de euros en investimentos dos que 60 millóns se destinaron a conservación de estradas, e 32 convenios asinados cos concellos para actuacións de mobilidade sostible e segura. “Buscamos –destacou- reverter a orde de prioridades: primeiro, as persoas; en segundo lugar, os e as ciclistas; en terceiro, o transporte colectivo e en cuarto, o vehículo privado. E para iso programamos actuacións para proporcionar conectividade segura e saudable, para devolver ás persoas o espazo invadido polos vehículos e priorizar aos sectores máis vulnerables. Adaptamos as infraestruturas para permitir as mobilidades autónomas e eléctricas e deseñamos propostas en sintonía co medio ambiente e o patrimonio, unha condición necesaria para a loita contra o despoboamento”.

O deputado tamén destacou o “apoio e asesoramento” que a Deputación está a prestar aos concellos da provincia na xestión dos viarios municipais e precisou, ao abeiro do reto demográfico, que  “a rede provincial proporciona o último nivel da capilaridade, a última milla, sendo fundamental para dar conectividade a zonas en risco de despoboamento”. Engadiu que a transformación dixital “é necesaria para a xestión da rede, aínda que a rede local ten retos máis básicos para os que apenas ten acceso a fondos europeos: persoas usuarias vulnerables, recuperación de espazos para as persoas e loita contra o despoboamento”, polo que reivindicou unha convocatoria específica de fondos para redes viarias provinciais.  

Nesta mesa inaugural, moderada por Elena de la Peña, Subdirectora General Técnica da Asociación Española de la Carretera (AEC), o deputado participou xunto a Pere Pons i Vendrell, presidente da Área de Infraestruturas e Espazos Naturais da Deputación de Barcelona e Francisco Farrona, deputado da Área de Fomento da Deputación de Badaxoz.

O venres 18, día da clausura, Gregorio Agís volverá intervir no Vyodeal para presentar o Plan Estratéxico 2030 de Vías Provinciais na sesión técnica que versará sobre “Iniciativas tractoras”. Estará xunto a Gonzalo Fernández Manceñido, xefe del Servicio de Planeamento, Inversión e Concesión de Estradas do Goberno de Aragón, así como representantes da Plataforma Loxística de Badaxoz e do Parque Científico e Tecnolóxico de Estremadura.

Galerias de imaxes