Duascentas persoas participan este domingo na primeira “Depo_Ruta BTT” 2023 da Deputación, que percorrerá a Costa da Soavela en Cangas

O luns 28 de agosto abrirase no sitio web provincial o prazo de inscrición para a segunda proba, que terá lugar o 24 de setembro en Mondariz

26/08/2023

BTT Cangas

Un total de duascentas persoas participarán este domingo 26 de agosto en Cangas na primeira “Depo_Ruta BTT” que organiza a Deputación de Pontevedra este ano e que pasará por lugares da Costa da Soavela, en Cangas. Estas rutas en bicicleta enmárcanse na programación “Depo actívate”, coa que a institución provincial busca fomentar hábitos saudables a través da práctica de actividade física e deportiva en contacto coa natureza.

Esta primeira ruta, de aproximadamente 34 km, consistirá nun percorrido circular que comeza e remata na antiga fábrica de conservas de Massó. As e os participantes circularán a través de sendeiros desde os que poderán gozar das paisaxes das praias de Liméns e Nerga, Cabo Home ou a praia de Melide, e tamén gozar das vistas á ría de Vigo e ás illas Cíes. Na metade do percorrido ofreceráselles un avituallamento.

Despois desta proba, a Deputación de Pontevedra abrirá este luns 28 de agosto, ás 10:00 horas, o prazo de inscrición para participar na segunda actividade do programa “Depo_Rutas BTT”, prevista para o 24 de setembro no concello de Mondariz. A institución provincial ofrece de novo un total de 200 prazas e as persoas interesadas deben inscribirse a través do formulario que atoparán en www.depo.gal.

Dirixidas a persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, “Depo_Ruta BTT” ofrecen percorridos ciclistas polos montes da provincia, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade natural, ecolóxica e patrimonial da provincia.