Preto de 150 persoas participan esta semana no programa da Deputación “Depotermal”

Veciñanza da Estrada, As Neves, Baiona, Cuntis, Gondomar, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo gozarán dunha estancia de seis días no Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no Hotel Carlos I Silgar no programa provincial de termalismo social

09/12/2023

Desde este domingo e ata o vindeiro venres 15 de decembro, preto de 150 persoas maiores de 50 anos de 18 concellos da provincia gozarán dunha estancia no Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no Hotel Carlos I grazas ao programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra. Durante a súa estancia poderán desfrutar de tratamentos de barros quentes, sesións monitorizadas de activación muscular e articular, sauna e ducha circular, entre outros.

No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse 87 persoas dos concellos da Estrada, As Neves, Baiona, Gondomar, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Tui e Vigo. Por outra banda, o Gran Talaso de Sanxenxo acollerá a un grupo de 55 persoas procedentes da Estrada, Baiona, Cuntis, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Tomiño e Vigo.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlle á veciñanza da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.