Cincuenta persoas de seis concellos da provincia participan esta semana no programa da Deputación “Depotermal”

As persoas participantes gozarán dunha estancia de seis días no Gran Talaso Hotel Sanxenxo ao abeiro do programa provincial de termalismo social da Deputación, que nesta edición beneficiará preto 3.500 veciñas e veciños de 54 concellos da provincia

28/10/2023

Desde este domingo 29 de outubro e ata o vindeiro venres 3 de novembro, un total de cincuenta persoas da provincia maiores de 50 anos de seis concellos da provincia poderán gozar dunha estancia no Gran Talaso Hotel Sanxenxo grazas ao programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra. En concreto, son veciñas e veciños de Cerededo-Cotobade, A Lama, Mos, Nigrán, Pontevedra e Vigo, que gozarán da modalidade de pernoctación, cunha estancia no establecemento hoteleiro de seis días e cinco noites na que poderán facer uso das súas instalacións de termalismo, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación, dirixido a persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, cun recoñecemento do grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlle á veciñanza da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, xa que impulsa a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, benefícianse 2.447 persoas, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783, a asistencia con aloxamento.

 
— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.