A Deputación achega preto de medio millón de euros para rehabilitar un complexo e usalo como centro social e de maiores no concello de Vilaboa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilaboa, César Poza, asinaron un convenio para a executar esta obra enmarcada no programa PON2030

31/10/2023

 DEPUTACIÓN ACHEGA 370.000 EUROS  CONSTRUCIÓN  XIMNASIO PAVILLÓN COVELO

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilaboa, César Poza, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará con 490.446 euros, o 76 % do orzamento, a rehabilitación dun complexo que se dedicará á creación dun centro social e de maiores. O Concello, pola súa banda, achegará o 24 % restante (150.821 euros).

A obra, valorada nun total de 643.268 euros, consistirá en rehabilitar o complexo de dous edificios de titularidade municipal situados no lugar do Picho, na parroquia de Vilaboa, para usalos como Centro Social e de Maiores. A parcela conta cunha superficie de 754 metros cadrados, pero o estado de conservación dos edificios é deficiente pola súa falta de uso. O proxecto contempla a remodelación dos dous edificios para equipalos con espazos deseñados para actividades de interacción social coma obradoiros, cursos ou áreas de lecer. Ao mesmo tempo, contémplase a construción de novos aseos, despachos, salas de estar, vestiarios e cociña.

Un dos elementos máis transformadores desta intervención será a unión dos dous edificios, que actualmente non están conectados. Para logralo, o proxecto contempla consolidar un pequeno volume que lles permitirá circular ás persoas dun edificio ao outro. Así mesmo, a obra culminarase coa instalación de zonas axardinadas na contorna das edificacións.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.

Este tipo de iniciativas contribúen a mellorar equipamentos públicos pensados para favorecer a interacción social, para cohesionar o territorio e para loitar contra o despoboamento nos concellos.

Este convenio subscríbese coas modificacións das bases do programa PON2030 aprobadas polo Goberno da Deputación xa en vigor; uns cambios que fan compatible a achega da Deputación con subvencións doutras administracións, que servirían para reducir o máximo posible a achega municipal.