A Deputación premia o talento de nove mozas e mozos da provincia na sétima gala dos Premios Provinciais da Xuventude

O presidente, Luis López, destacou a creatividade, a intelixencia e a sensibilidade das e dos participantes, que fan que “a provincia teña asegurado o seu futuro”

17/11/2023

Gala Premios Provinciais a Xuventude

A Deputación de Pontevedra entregou este venres os galardóns ás e aos gañadores da sétima edición dos Premios Provinciais á Xuventude nunha gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo provincial que contou coa participación do presidente, Luis López, quen destacou o talento, a creatividade, a intelixencia e a sensibilidade das e dos participantes, mozos e mozas que fan “que a provincia teña asegurado o seu futuro” porque “vós sodes precisamente ese futuro”, subliñou nun discurso que serviu para clausurar a gala. Un evento que estivo presentado pola xornalista Patricia Bea, que contou coa actuación musical da premiada no 2021, Ainhoa Mosquera, e no que o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, recordou o compromiso da Deputación co apoio ao talento xuvenil a través da creación dun novo servizo dotado con 1,2 millóns de euros.

Presentáronse a esta edición dos premios, que reparten un total de 36.000 euros entre as e os gañadores, un total de 77 traballos correspondentes a nove categorías. En banda deseñada, Ánxel Carramal levou o primeiro premio, Manuel Alejandro Vázquez fíxose co segundo e Andrés Chincilla, co terceiro. En fotografía orixinal, o primeiro premio foi para Claudia Gómez, o segundo para María Sarrapio e o terceiro  para Helena Constenla. Na categoría de investigación de ciencias, arquitectura ou enxeñaría, o primeiro premio compartírono Silvia García e Francisco de Arriba, mentres que o segundo foi para Laura Rubio e o terceiro para Moisés Cordeiro. No apartado de artes, humanidades e ciencias Sociais a gañadora foi Andrea Domínguez, mentres que o segundo e o terceiro posto foron para Adrián Paramés e Laura Docampo, respectivamente. En literatura, na subcategoría de narrativa, o primeiro premio levouno Ana Iglesias, o segundo estivo compartido por Fabio Rivas e Inés Alonso, e o terceiro conseguiuno Rebeca López. Na subcategoría de poesía, Pedro Rodríguez fíxose co primeiro premio, César Manuel Gil, co segundo e Rebeca López repetiu cun novo terceiro posto. Na categoría de traballo musical, Santiago Guerra foi o gañador e Javier Lago levou o segundo premio. En deseño e moda, Regina Chamorro foi a gañadora, mentres que en contido audiovisual o xurado concedeulle o segundo posto a Susana Cabaleiro.

Ademais, entregáronse premios colectivos aos centros educativos da provincia polos seus traballos de investigación. Na categoría de educación en valores, o primeiro premio foi para o IES de Poio, o segundo para o IES Illa de Ons de Bueu e o terceiro para o IES Paralaia de Moaña. Finalmente, na categoría de acción polo clima, o IES A Paralaia foi o gañador.

Despois de citar o nome de cada un dos premiados, o presidente da Deputación destacou a calidade e transcendencia dos traballos ao sinalar que “nos facedes medrar como provincia”. Neste sentido, López reiterou o compromiso da Deputación no apoio á xuventude. “Desde a Deputación non só faremos o posible para multiplicar o talento da nosa xuventude, nin sequera estaremos aí só para recoñecer o voso esforzo, como se demostra nesta gala; tamén estaremos ao voso carón para darlles eco aos vosos traballos, para divulgalos e que cheguen tan lonxe como merecen”, afirmou o mandatario provincial.

Un apoio do que tamén falou o deputado responsable desta área, Jorge Cubela, na apertura da gala ao sinalar que “estamos preocupados polo voso futuro, queremos que teñades oportunidades e que estas se dean aquí, na nosa provincia, porque somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis, a nosa xuventude ten que ser partícipe do proxecto”. Para iso, recordou a liña de axudas para impulsar actividades xuvenís, os investimentos relacionados coa mocidade e para os centros educativos que recolle o recentemente creado Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.

Coa entrega destes galardóns, a Deputación busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e na recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude persoas de entre 16 e 35 anos e, no caso da categoría de reacción polo clima, os centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos. Ademais, as e os gañadores levaron uns trofeos de cerámica elaborados por persoas usuarias da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra.

Lista de premiados

  • Banda deseñada:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Ánxel Carramal Fernández, Pontevedra, 1994, psicólogo, polo seu proxecto E Marcos puxo o seu suadoiro vermello
    • Segundo premio (600 euros): Manuel Alejandro Vázquez Búa, Vilagarcía de Arousa, 1994, biólogo, polo seu proxecto O mergullo dunha vida
    • Terceiro premio (400 euros): Andrés Chincilla Argibay, Vigo, polo seu proxecto ¡Ei! Que hoy vamos a montar a caballo
  • Contido audiovisual:
    • Segundo premio (600 euros): Susana Cabaleiro Álvarez, Salceda de Caselas, polo seu proxecto: Fogones gallegos
  • Deseño e moda:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Regina Chamorro Misa, Nigrán, polo seu proxecto “Relindo festejo”
  • Educación en valores:
    • Primeiro premio (1.000 euros): IES de Poio, polo seu proxecto “I Cumio do Clima”
    • Segundo premio (600 euros): IES Illa de Ons,  Bueu, polo seu proxecto “#PatriarcadasRevirad@s”
    • Terceiro premio (400 euros): IES A Paralaia de Moaña, polo seu proxecto “Reactiva a igualdade”
  • Fotografía orixinal:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Claudia Gómez López, Pontevedra, polo seu proxecto O Mercado
    • Segundo premio (600 euros): María Sarrapio Pol, Pontevedra, polo seu proxecto Impermeables
    • Terceiro premio (400 euros): Helena Constenla Lorenzo, Poio, polo seu proxecto O instante do límite do turismo
  • Investigación, subcategoría de ciencias, arquitectura e enxeñería:
    • Primeiro premio, ex aequo (2.000 euros): Silvia García Méndez, Baiona, 1992, polo seu proxecto Contribution to Natural Language Generation for Spanish
    • Primeiro premio, ex aequo (2.000 euros): Francisco de Arriba Pérez, Vigo, 1989, polo seu proxecto Inteligencia conversacional para asistentes interactivos orientados al lenguaje-Celia
    • Segundo premio (1.250 euros): Laura Rubio Lareu, Vila de Cruces, 1994, polo seu proxecto Estratexias analíticas integrais para novos retos no control da seguridade de cosméticos
    • Terceiro premio (750 euros): Moisés Cordeiro Costas, Cangas, 1996, polo seu proxecto Modelaxe e optimización mediante técnicas de aprendizaxe automática en edificios con instalacións renovables de produción, almacenamento e consumo eléctricos
  • Investigación, subcategoría de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas:
    • Primeiro premio (2.000 euros): Andrea Domínguez Torres, Marín, 1993, polo seu proxecto “Arte en contra de la violencia especista (España, 2000-2019)”
    • Segundo premio (1.250 euros): Adrián Paramés González, Vigo, 1998, polo seu proxecto “El mobiliario en los centros educativos: valoración antropométrica e instrumentos de medida”
    • Terceiro premio (750 euros): Laura Docampo López, Vigo, 1999, polo seu proxecto “Auga reciclada: fomento da aceptación pública a través dun modelo axiolóxico-consecuencialista”
  • Reacción polo Clima:
    • Primeiro premio (1.000 euros): IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña, polo seu proxecto “A Axenda 2030 no IES A Paralaia. Facemos economía circular?” e “A horta de Sofía”
  • Traballo literario breve, subcategoría de narrativa:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Ana Iglesias Calviño, Ponte Caldelas, 1993, polo seu proxecto A telegrafista
    • Segundo premio, ex aequo (600 euros): Fabio Rivas Pardo, Pontevedra, 1997, polo seu proxecto A meiga de Padrerrei
    • Segundo premio, ex aequo (600 euros): Inés Alonso Veloso, Vigo, 2004, polo seu proxecto: La visita
    • Terceiro premio (400 euros): Rebeca López Villar, Vigo, 1993, polo seu proxecto Unha e outra vez
  • Traballo literario breve, subcategoría de poesía:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Pedro Rodríguez Villar, Nigrán, 1996, polo seu proxecto Palabras nas pedras
    • Segundo premio (600 euros): César Manuel Gil, Cangas, 1995, polo seu proxecto Catro movementos sobre a incomprensión
    • Terceiro premio (400 euros): Rebeca López Villar, Vigo, 1993, polo seu proxecto Xuntanza (preside a lúa)
  • Traballo musical:
    • Primeiro premio (1.000 euros): Santiago Guerra Fernández, Cangas, 2000, polo seu proxecto When I Think of You
    • Segundo premio (600 euros): Javier Lago López, Pontevedra, 1996, polo seu proxecto Todo a la vez

Galerias de imaxes