Esgotadas as prazas das seis rutas do programa da Deputación “Bosques Terapéuticos” previstas para este mes de abril

Os baños de bosque arrancarán esta vindeira fin de semana no Lago de Castiñeiras e a Carballeira de San Xusto

10/04/2023

Os “Bosques Terapéuticos” da Deputación veñen de colgar o cartel de completo para este mes. Deste xeito, as 90 prazas das seis rutas que se desenvolverán en abril en espazos naturais da provincia esgotáronse este luns 10 de abril, na mesma xornada en que se abriron as inscricións, e a Illa de Tambo foi de novo o itinerario máis solicitado. A institución provincial abriu así mesmo unha lista de agarda para o caso en que se produzan baixas.

As rutas arrancarán esta vindeira fin de semana, en concreto o sábado 15 cunha ruta polo Lago de Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e continuarán o domingo 16 pola carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade). Posteriormente, o día 22 celebrarase o itinerario polo Espazo Natural do Río Eifonso (Vigo); o 23, a sesión de baños de bosque pola Illa de Tambo (Poio); o 29 pola Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e, por último, o día 30 será a quenda da ruta pola Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro).

As inscricións para os Bosques Terapéuticos ábrense de mes en mes e, deste xeito, a partir do vindeiro día 17 de abril, ás 9 horas, as persoas que desexen participar nalgunhas das 8 rutas do mes de maio poderán inscribirse a través do formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. Os baños de bosque serán o día 6 de maio na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

Posteriormente, para os baños de bosque de xuño, o prazo de inscrición iniciarase o 15 de maio, mentres que para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, este prazo rematará dous días antes da ruta.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.