Esgotadas as prazas para a derradeira ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”, que terá lugar na enseada de San Simón

A derradeira visita ornitolóxica desta sexta edición do programa desenvolverase o domingo 26 de novembro polos concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa

13/11/2023

En tan só uns minutos esgotáronse este luns as prazas para a sétima e derradeira das rutas ornitolóxicas deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que promove a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife e que se desenvolverá o vindeiro 26 de novembro na enseada de San Simón. A cita recibiu numerosas peticións e, ademais de esgotarse as 25 prazas dispoñibles, completouse tamén a lista de agarda.

Conducidas por dous guías ornitolóxicos de SEO Birdlife, as persoas participantes percorrerán este espazo situado no máis profundo da ría de Vigo. Nesta paisaxe intermareal a influencia das mareas propicia a invernada e o paso migratorio de aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos, o que fai que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do parrulo asubiador (que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia), é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real… e ardeidos, entre eles a garza real, a garzota común, varios tipos de gaivotas, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

Esta é a derradeira das andainas desta sexta edición de “Voando nas Rías Baixas”, que remata neste mes de novembro despois de pasar polo Complexo Intermareal Ulla-O Grove, pola foz da Ramallosa (Nigrán), as ribeiras do río Umia (Cambados-Ribadumia), as Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada), a praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove) e o esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.