A Deputación instalará barreiras de seguridade nas marxes dos tramos curvos da EP-4005 que transcorre entre Areas, Alxén e Cabreira en Ponteareas

09/07/2022

A Deputación está a licitar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira, ao paso polo termo municipal de Ponteareas. Os traballos, que contan cun orzamento de 102.978 euros, teñen por obxecto a colocación de barreiras de seguridade, de tipo bionda, nos tramos curvos que coinciden con terreos en pendente.

A Deputación, no marco da súa revisión ordinaria de tódalas estradas provinciais co obxectivo de detectar riscos para a seguridade viaria, decidiu a conveniencia de protexer con barreiras lonxitudinais as marxes desta estrada e minimizar así as consecuencias de posibles accidentes por saída de vía. As empresas interesadas en executar esta obra dispoñen dun prazo que remata o próximo día 28 para presentar as súas ofertas. Pola súa banda, o prazo de execución das obras, unha vez comezadas, será de tres meses.

As obras, ademais da protección das curvas, inclúen a retirada das barreiras antigas que existen nalgúns puntos do trazado, así como a reciclaxe de tódolos materiais empregados. Os novos elementos de protección, adaptados á normativa actual, proporcionarán un adecuado nivel de contención aos vehículos, minimizando danos e lesións para as persoas ocupantes e o resto de usuarios da estrada, así como outras persoas ou obxectos situados nas proximidades. Para elo instalarase preto dun quilómetro de barreiras, así como 206 “captafaros” para mellorar a visibilidade en horario nocturno.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.