Forcarei converterá a Casa da Xuventude nun espazo de usos múltiples do que desfrutará toda a veciñanza da man do Plan ReacPon

Carmela Silva e Verónica Pichel asinaron un convenio de preto de medio millón de euros que é “fundamental para fixar poboación no territorio”

04/03/2022

 

“Hoxe é un día de celebración para Forcarei porque o Plan ReacPon é un plus económico que supón calidade de vida para a xente, axuda para as familias e espazos de socialización para as persoas maiores”. Con estas palabras, a alcaldesa Verónica Pichel, agradeceu á Deputación de Pontevedra a súa disposición para facer realidade a reforma da Casa da Xuventude deste concello da man do Plan ReacPon. Fíxoo durante a sinatura do convenio entre ambas institucións, que rubricou a presidenta Carmela Silva. A institución provincial aportará 413.991,18 euros e Forcarei os 73.057,27 euros restantes -que sufragará a través do Plan Concellos- para completar o orzamento total da actuación de 487.048 euros.

Carmela Silva amosouse encantada de asinar o convenio porque este proxecto é algo “fundamental para fixar poboación no territorio” e asegurou que cando as actuacións estean rematadas “temos que celebrar que a xente, viva onde viva, ten dereitos e servizos”. Tamén se referiu á importancia da cultura “que na provincia de Pontevedra está escrita con nome de mulleres e homes de Forcarei” e ao “talento” que nace neste concello e que pode verse “en todos os eidos de actividade, particularmente na cultura”.  

A presidenta provincial gabou ao concello de Forcarei por presentar ao Plan ReacPon un proxecto “moi maduro, moi potente e que cumpría con todas as bases, que eran moi complexas” e que dará servizos a toda a poboación: ás asociacións, con espazos “para que a xente poida reunirse e construír sociedade civil”, ás crianzas, “o que fará que as familias queiran quedar nos lugares onde viven”, e tamén á mocidade e ás persoas maiores.  Neste senso, Carmela Silva tamén deixou claro, en referencia ao voto en contra do PP no pleno de Forcarei, que “a discrepancia política non pode levar a que exista nin a mínima posibilidade de perder recursos públicos, en especial para proxectos que son soños e que van a permitir presentar máis servizos de moita calidade á veciñanza”. Ademais, amosouse orgullosa de poder asinar este convenio cunha alcaldesa xa que “aínda somos poucas unha cousa é certa, cando as mulleres gobernan pensan de outra forma. Pensan en dotar de garantías, servizos e dereitos. Pensan en grande para a súa veciñanza”.

Verónica Pichel referiuse de xeito claro ás aportacións da Deputación. “O Plan Concellos danos moitas facilidades á hora de investir nas necesidades que consideramos adecuadas pero isto -en referencia ao Plan ReacPon- é un unha inxección económica que coa que se conseguirá máis vida no concello de Forcarei”. Pichel tamén falou do proxecto e subliñou a relevancia de servizos como a ludoteca coa que contará o edificio, “algo moi importante para que as familias poidan conciliar”, os espazos de ocio para persoas maiores, que lles aportarán “benestar e calidade de vida”, e o resto de servizos que ofrecerá este edificio para “seguir trasladando a cultura á nosa xente” .

Un espazo para toda a veciñanza


O Plan ReacPon permitirá reformar a Casa da Xuventude de Forcarei, un edificio que data de 1980 e que se atopa en pleno núcleo urbano do concello. Na actualidade emprégase para usos culturais e de almacén e tralas obras pasará a ser un lugar de encontro e de usos múltiples con espazos e actividades para toda a veciñanza do concello con independencia da súa idade. 

Haberá unha ludoteca para as crianzas, unha zona de estar para a mocidade ou unha zona específica multiusos para as persoas maiores. Deste xeito, as obras comprenden actuacións de mellora da cuberta coa incorporación de illamento térmico e da accesibilidade coa instalación de portas, un ascensor e aseos adaptados. Tamén se mellorarán o cerramento exterior, os acabados e as instalacións de iluminación coa substitución das luminarias actuais por outras LED.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.