A Deputación destina case 600.000 euros á transformación do espazo público de Forcarei a través do Plan Concellos

A institución provincial deu luz verde a 473.800 euros para a mellora peonil das rúas da contorna do parque Venezuela e do centro de saúde de Soutelo e a outros 137.820 euros para a actuacións nos núcleos de Guisande e Morgade

13/06/2022

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar dúas achegas para Forcarei por valor de 575.620 euros ao abeiro do Plan Concellos. Estes fondos servirán para financiar actuacións transformadoras no casco urbano de Soutelo de Montes e nos núcleos rurais de Guisande e Morgade. Deste xeito, levarase a cabo a mellora peonil das rúas da contorna do parque Venezuela e do centro de saúde de Soutelo (437.800 €) e urbanizaranse as rúas do núcleo de Guisande e melloraranxe as marxes da estrada de Morgade, na parroquia de San Miguel de Presqueiras (137.820 €). A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor o “esforzo do Concello por destinar fondos a crear espazos inclusivos e accesibles con prestacións propias do século XXI”.

A intervención no núcleo soutelano supón a mellora peonil e ordenación do tráfico nas rúas de acceso aos equipamentos de saúde, culturais e deportivos. Levarase a cabo mediante a construción dunha plataforma única, a sinalización de aparcamento, a ordenación de tráfico e melloras na centenaria Carballeira do Parque Venezuela, onde tamén se ampliará a superficie de zona verde. O impacto destas actuacións chegará a máis de 1.000 veciñas/os residentes e usuarias/os do espazo da intervención.

O Plan Concellos da Deputación servirá tamén para renovar por completo o pavimento dos viarios do núcleo de Guisande tras máis dunha década con tramos con importantes desgastes pola falta de mantemento e mellorar as marxes da estrada de Morgade. As obras seguen a liña marcada pola institución provincial e devolven o protagonismo á veciñanza e, en especial, ás persoas maiores outorgándolles un espazo no que poderán transitar en condicións de seguridade. Para logralo, as actuacións deséñanse cun pavimento de formigón impreso e pedra nas zonas de esparexemento e convivencia.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.