Forcarei renova a capa de rodadura do polígono industrial da Freixeira cunha achega de 20.000 € do Plan Concellos da Deputación

A actuación completouse coa reordenación do tráfico rodado e peonil e a configuración dunha zona destinada a aparcadoiro de vehículos

13/04/2022

Visita a Forcarei

O polígono industrial da Freixeira en Cachafeiro, Forcarei, loce unha renovada capa de rodadura grazas a unha achega de 20.000 euros do Plan Concellos da Deputación. Os deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez e Manuel González veñen de visitar a zona xunto á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, para coñecer a actuación realizada nun tramo da rúa Norte que abrangue unha superficie de preto de 5.000 metros cadrados do polígono industrial.

A través dos investimentos da institución provincial, Forcarei puido mellorar as infraestruturas do parque empresarial da Freixeira dando solución á situación de deterioro e envellecemento do pavimento da rúa Norte. Xunto á renovación da capa de rodadura, o goberno local tamén levou a cabo un recalce das tapas de rexistro así como da reixa lonxitudinal existente na marxe dereita da rúa, incorporando, ademais, un bordo rebaixado nos illotes.

A actuación de renovación do pavimento no polígono industrial de Cachafeiro completouse coa reordenación da circulación mediante sinalización viaria. Tamén se configurou unha zona destinada a aparcadoiro de vehículos, delimitando prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais xerouse unha zona destinada á circulación de persoas, instaláronse novos elementos de sinalización vertical e realizáronse traballos de pintado de marcas nas vías, nos pasos peonís e nos illotes.

Galerias de imaxes