A Deputación réndelle homenaxe ao deporte provincial nunha gala que acollerá este venres a cidade de Vigo

A gala, que terá lugar ás 19:00 horas na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo e que estará presidida por Luis López e Marta Fernández-Tapias, centrarase no deporte de elite e de base e fará un recoñecemento aos logros e méritos deportivos de Carlos Pérez e Franco Cobas

26/10/2023

 GALA DEPORTE DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra renderalle homenaxe ao deporte provincial nunha gala que acollerá este venres 27 de outubro, ás 19:00 horas, a Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo e presidirá Luis López xunto a Marta Fernández-Tapias. Na gala premiarase o deporte de elite e o deporte de base, ao tempo que se recoñecerán os logros, os méritos e a traxectoria deportiva de Carlos Pérez e Franco Cobas. Completarán o acto unha exhibición do Club de Patinaxe Artística Gondomar, campión de Europa de Grupos Show Junior, e a música de Eladio y los Seres Queridos, unha banda indie pop viguesa que este ano cumpre a súa maioría de idade.

A Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra estruturarase en tres grandes bloques, que incluirán proxeccións audiovisuais, música e exhibicións artístico-deportivas. A gran novidade deste ano, que o Goberno provincial quere incorporar a partir de agora neste evento, é unha homenaxe ás grandes figuras do deporte provincial. Deste xeito, este ano faráselle un recoñecemento aos logros, méritos e traxectoria deportiva de Carlos Pérez Alonso (atletismo) e Franco Cobas González (remo), que, ademais de contar cun destacado palmarés deportivo, son impulsores da Asociación de Olímpicos Galegos. 

Ademais deste recoñecemento, outro dos eixes temáticos do evento será o deporte de elite, dentor do cal se poñerán en valor os fitos conseguidos ao longo deste ano polas e polos deportistas da provincia e tamén se destacará o feito de que Pontevedra é escenario deportivo de grandes eventos deportivos, coma a final das Series Mundiais de Tríatlon ou o partido entre as seleccións femininas de fútbol española e italiana que acollerá Pasarón en decembro.

En canto ao deporte de base, outros dos grandes bloques da Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra, destacaranse tanto os valores do deporte, o esforzo, a disciplina ou o afán de superación, coma o papel que xogan na provincia as federacións e as escolas deportivas no desenvolvemento das carreiras deportivas. Neste sentido, poranse en valor todas as entidades que apostan polo deporte de base como xerme dos éxitos deportivos que a provincia de Pontevedra está a conseguir nos últimos tempos.

O deporte é e será para o Goberno provincial que preside Luis López unha das súas principais liñas de traballo. Deste xeito, e da man da vicepresidenta primeira e delegada de Deportes, Marta Fernández-Tapias, anunciouse a posta en marcha do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, de 4 millóns de euros, o incremento da liña de axudas a deportistas olímpicos e a firme aposta pola suma de sinerxías entre deporte e turismo para converter a provincia nun escenario de grandes eventos deportivos.