Luis López remarca a importancia da xestión dos residuos cun investimento de 450.000 euros en Ribadumia para implantar o colector marrón

O presidente do Goberno provincial realizou a súa primeira visita institucional a este concello para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030” co alcalde David Castro

18/12/2023

Luis López e o alcalde, David Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o concello de Ribadumia para asinar co alcalde, David Castro, un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 200.000 euros, o 44 % do orzamento, o proxecto para a recollida de residuos sólidos urbanos neste municipio. O Concello, pola súa banda, achega o 56 % restante, uns 250.000 euros. “É un convenio moi importante para Ribadumia e para marcar un camiño que deben seguir os concellos. Temos retos que afrontar desde o punto de vista do medio ambiente, como é a implantación do colector marrón, e Ribadumia vai na cabeceira”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo para remarcar a importancia que o Goberno da Deputación lle dá á xestión dos residuos.

O proxecto, valorado en máis de 450.000 euros, consiste en dotar o Concello de Ribadumia de dous camións para a recollida de residuos, un con recolector de carga traseira e outro cun equipo recolector satélite, que se encargarán da recollida da fracción do colector verde e do marrón. De xeito paralelo, o plan tamén inclúe a instalación de colectores para restos orgánicos (o marrón) para o núcleo urbano de Ribadumia, así como a posta en marcha dunha experiencia piloto con colectores para plástico e cartón individuais nas parroquias de Barrantes e Sisán. Con este convenio, o Concello adquirirá tamén un equipo para a limpeza dos colectores.

Segundo se recolle no convenio, o proxecto deberá estar implantado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Ribadumia realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

A deste luns foi a primeira visita institucional de Luis López a Ribadumia como presidente da Deputación, na que aproveitou para reiterar o compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos e fixo unha mención especial á liña do programa “PON2030”, centrada na xestión dos residuos, pola que apostou o Concello de Ribadumia. “Para que a provincia vaia a máis, este lugar fenomenal do Salnés ten moito que dicir”, rematou o presidente. 

Galerias de imaxes