Luis López ilustra a cooperación institucional da Deputación co investimento de 600.000 euros para recuperar unha praza histórica en Baiona

O presidente do Goberno provincial recibiu o rexedor, Jesús Vázquez Almuíña, para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030” e así intervir no núcleo de Sabarís

18/12/2023

Luis López, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 460.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para a adecuación do espazo público e a mellora dos servizos da praza Victoria Cadaval. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 115.000 euros. A sinatura deste protocolo tivo lugar no Pazo provincial nun acto no que Luis López amosou a súa satisfacción pola posta en marcha de proxectos que mellorarán a imaxe dos espazos urbanos e a calidade de vida da cidadanía, neste caso, do concello de Baiona.

A obra, valorada en preto de 600.000 euros, servirá para a humanización da praza Victoria Cadaval, un espazo emblemático da núcleo de Sabarís que conecta o ámbito do mercado coa ponte medieval e que forma parte do Camiño Portugués da Costa. O obxectivo destas obras, que estarán centradas en tres piares, pasa pola transformación deste ámbito para que as e os viandantes recuperen o espazo que lles arrebataron os coches. Para logralo, en primeiro lugar, buscarase crear un espazo público de calidade que dinamice a actividade comercial e a vida social a través da implantación de novas zonas verdes e de estancia, da integración da praza co río da Groba ou da colocación de novos elementos de mobiliario urbano. Por outro lado, restrinxirase o tráfico mediante a construción dunha plataforma única de preferencia peonil, a limitación da velocidade a 10 km/h e a colocación dun sistema de semáforos intelixentes. Ao mesmo tempo, melloraranse todos os servizos coa renovación da rede de saneamento e abastecemento, o soterrado das redes de subministración eléctrica e de telecomunicacións, e un novo mecanismo de rego por goteo para os xardíns que contribúan ao aforro do consumo de auga.

Segundo se recolle no convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Baiona realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López destacou a importancia de recuperar para a cidadanía o espazo público con zonas de alta calidade que promovan a mobilidade peonil e o contacto co medio.