A Deputación inicia na Estrada as obras de ampliación do firme da EP-7007 desde a igrexa de San Miguel de Barcala

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou o inicio dos traballos aos que a Deputación de Pontevedra dedica un orzamento de 765.000 euros

25/01/2023

As obras acometidas pola Deputación de Pontevedra para o reforzo do firme nun treito da EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala, no concello da Estrada, xa están en marcha. O deputado delegado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou acompañado do alcalde da Estrada, José López Campos, o inicio duns traballos aos que a institución dedica un orzamento próximo aos 800.000 euros (achegados integramente pola institución provincial) cos que se busca seguir mellorando a calidade viaria das súas infraestruturas, enmarcadas nun claro e recoñecido modelo de mobilidade amable, sostible e segura.

A mellora do firme desta vía suporá unha mellora substancial das condicións de circulación, polo tanto, repercutirá directamente na ampliación da seguridade viaria. Isto conseguirase co reforzo do firme e ampliando a plataforma, que pasará a contar con carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros en ambas as dúas marxes e tamén unha cuneta de seguridade, dun metro de ancho, situada na marxe dereita.

Entre outras actuacións, demoleranse o paquete de firme e a base xa existentes para proceder á reposición da capa de rodaxe. Tamén se retranquearán algúns dos elementos existentes, como os postes, e se substituirán varias obras de drenaxe transversal. Executarase a sinalización horizontal e vertical, colocaranse barreiras de seguridade, executaranse muros de contención de pedra e trasladaranse nove postes de formigón da rede eléctrica e de alumeado público a novos emprazamentos. Tanto as beiravías como a propia plataforma terán o mesmo pavimento.

As obras no firme da EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala afectan o treito situado entre os puntos quilométricos 5+683 e 8+071, é dicir, preto de 2,4 quilómetros. O punto 5+683 corresponde á altura da igrexa de San Miguel da Barcala e o 8+071 é o final desta vía. Para poder emprender o proxecto o Concello da Estrada puxo a disposición os terreos necesarios, véndose afectadas un total de 14 parcelas.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.