Luis López anuncia un investimento de máis de 200.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da antiga casa do concello de Portas

O presidente da Deputación asinou este xoves un acordo de colaboración, enmarcado no programa PON2030, co rexedor Ricardo Martínez nunha visita institucional ao municipio

09/11/2023

Luis López e Ricardo Martínez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará con 176.472 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para mellorar o estado de conservación e de eficiencia enerxética da antiga casa consistorial de Portas. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante (31.142 euros).

A obra, valorada nun total de 207.614 euros, ten como obxectivo acometer unha mellora integral para reducir o consumo enerxético, así como para reparar e previr a aparición de humidades e filtracións. Con esta intención, substituirase a cuberta para conseguir un illamento térmico axeitado, cambiaranse fiestras e portas e mellorarase o illamento térmico da fachada ou renovaranse as instalacións eléctricas, de calefacción e de ventilación. “Desde o comezo do mandato comprometémonos a estar ao carón dos concellos e hoxe creo que somos fieis a ese compromiso”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o protocolo.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán rematarse antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Tui realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Luis López destacou a importancia deste tipo de acordos para mellorar os servizos que os concellos lle prestan á súa veciñanza e remarcou o compromiso da Deputación para “escoitar as necesidades dos concellos e poñer os medios para facelas realidade”. Un novo exemplo de “municipalismo” que está recollido nos Orzamentos que se aprobarán este venres nun pleno extraordinario e que “dedican un de cada tres euros a apoiar directamente os concellos”, subliñou López.

“Felicítovos polo proxecto que fixestes, competiades co resto da provincia e conseguistes un proxecto que logrou unha moi boa puntuación. Así se constrúe provincia para ir a máis”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes