Silleda realizará a maior aposta da súa historia na rede viaria do rural cun investimento de 1,2 millóns do Plan Concellos

A inversión supón case o total do orzamento do plan da Deputación en Silleda para realizar actuacións en 20 quilómetros de pistas municipais de 13 parroquias

02/04/2022

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un importante investimento de  1.248.132 euros da liña 1 do Plan Concellos que Silleda empregará para asfaltar 14 camiños da súa titularidade en diferentes parroquias do municipio do Deza. Con esta subvención, que representa case a totalidade do orzamento do Plan provincial deste ano para Silleda (1.397.473 euros), a institución provincial continúa a apostar pola autonomía dos concellos da provincia con investimentos destinados a mellorar os servizos que son de competencia municipal.

Os viarios sobre os que se actuará sofren na actualidade dun deterioro importante na capa de rodadura polo que as obras son necesarias para conservaralos e mantelos en condicións óptimas de comodidade e seguridade para as persoas usuarias dos mesmos. Ademais, realizaranse outras actuacións destinadas á mellora da drenaxe nos viarios como a limpeza de cunetas ou a perfilación de noiros co fin de evacuar as augas pluviais.

As actuacións ás que vén de dar luz verde a Deputación de Pontevedra realizaránse  en vías de 13 parroquias silledenses, nas que se actuará nun total de 20 quilómetros da extensa rede viaria municipal. “O investimento do Plan Concellos en Silleda suporá a maior inversión na historia do noso municipio en infraestruturas viarias do rural”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, reformarase o viario da parroquia de Pazos dende a ponte do TAV ata o lugar de Quintás. Tamén en Martixe se mellorará todo o viario do núcleo de Martixe de Abaixo e en Manduas o lugar de Andamollo. En Carboeiro realizarase o tramo dende Carboeiro de Francia ata o acceso ao mosteiro e na Bandeira renovarase o firme do viario da Devesa, dende o Centro de Saúde ata o enlace ca pista de San Brais, en Chapa.

Na parroquia de Parada as obras de mellora viaria afectarán a dous tramos que discorren entre os lugares de Mediodaldea e Outeiro. Tamén en Ponte se renovarán outros dous tramos: o que vai dende Vilar ata Rosende e o que une esta localidade ca parroquia de O Castro, discorrendo paralelamente á AP-53. En Moalde arranxaranse as pistas que dan acceso aos lugares de Meda e San Xosé e en Escuadro realizaránse obras nunha das pistas de maior lonxitude: o acceso a Paredes dende a estrada nacional 640. E na parroquia de Fiestras inclúese o viario do lugar de Barcia.

Tamén en Silleda se levará a cabo a mellora do viario que dá acceso a Trasfontao, dende a N-525 ata o lugar de Costoia, xa na parroquia de Siador, ata o entronque co vial autonómico PO-201. Outra das actuacións que completa este ambicioso proxecto levarase a cabo na parroquia de Graba, mellorando o acceso ao lugar de Santa Mariña, dende a estrada provincial a Forcarei ata esta aldea, pasando polos núcleos de Outeiro, Penalta e Fontao. Competa a dotación a parroquia de Laro co arranxo de dous tramos: o que vai dende Pelures a Forcas e dende este último lugar ata Sante.

Agora, unha vez aprobado pola  Deputación de Pontevedra comezaranse os trámites para a obtencións das autorizacións sectoriais doutras Administracións que se precisan antes da aprobación do proxecto e a súa posterior licitación.

Máis de 30 kilómetros de pistas a renovar nos vindeiros meses

O alcalde silledense resalta a aposta do goberno municipal polo rural, ao destinar practicamente de forma íntegra a cantidade correspondente á Liña 1 do Plan Concellos a mellorar as vías do rural. “Grazas a este plan da Deputación, xunto co proxecto de 2021 que comezará nas vindeiras semanas, arranxaremos preto de 35 quilómetros de vías no nos rural”, sinala Cuiña, que lembra que a maioría das pistas que se arranxarán son vías que vertebran as parroquias.

Nos vindeiros días comezarán a executarse os traballos do proxecto anterior, adxudicados a Taboada y Ramos por 540.000 euros tamén do Plan Concellos. Neste caso actuarase sobre algo máis de 13 quilómetros doutras 12 parroquias. Neste proxecto figuran un tramo do viario de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda- ; o acceso e a explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira e outras vías en Ponte, Vilar, Carboeiro, Ansemil, Lamela, Dornelas, Cira, Margaride, Moalde e Taboada.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.