Luis López amosa o respaldo da Deputación á Confederación de Empresarios de Pontevedra nun encontro co presidente do colectivo, Jorge Cebreiros

A reunión tivo lugar este mércores no despacho presidencial do Pazo Provincial para coñecer as actividades que a asociación ten previstas para os vindeiros meses e analizar o contexto económico e empresarial da provincia

27/09/2023

Confederación de Empresarios de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o respaldo do goberno provincial á actividade da Confederación de Empresarios de Pontevedra que o presidente do colectivo, Jorge Cebreiros, lle presentou este mércores nunha reunión que tivo lugar no seu despacho do Pazo Provincial.

O encontro serviu para coñecer polo miúdo a acción deste colectivo, un dos actores máis importantes do ámbito empresarial e económico da provincia, e analizar tamén o contexto laboral, emprendedor e financeiro do territorio pontevedrés.

Pola súa banda, Luis López reiterou o apoio do goberno provincial ás iniciativas deste colectivo, unha colaboración que se afianzará neste novo mandato. Un respaldo que se verá reflectido coa presenza da Deputación no terceiro Foro Empresarial pola Igualdade que organiza a CEP o próximo 17 de outubro na súa sede de Vigo.

Os obxectivos da CEP pasan polo fomento e defensa da economía de mercado, representar os intereses xerais do empresariado provincial ante entidades públicas e privadas, oferta de servizos para a colaboración con institucións rexionais, nacionais ou estranxeiras e coordinar e impulsar a negociación colectiva.

Nos últimos anos, a colaboración entre a Deputación e a CEP materializouse en diversos proxectos como programas de formación e promoción do emprego ou a organización dos premios provinciais á xuventude valorados en máis de 80.000 euros anuais.

Galerias de imaxes