Luis López destaca o Plan +Provincia como ferramenta para estimular o crecemento económico de Pontevedra no peche do Foro Empresarial pola Igualdade da CEP

O presidente da Deputación de Pontevedra remarca a importancia deste tipo de foros que “poñen o foco na necesidade de recoñecer o importante valor que desempeñan as mulleres na dirección das empresas máis importantes do noso territorio”

17/10/2023

Foro Empresarial pola Igualdade da CEP

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do Plan +Provincia como unha ferramenta para estimular o crecemento económico da provincia a través dos investimentos do sector público. O mandatario provincial foi o encargado de pechar a terceira edición do Foro Empresarial pola Igualdade, que organiza a Confederación de Empresarios de Pontevedra na súa sede de Vigo, cun discurso no que asegura que a cidade máis grande de Galicia e as súas empresas “son o pulmón industrial de Galicia”.

Diante das responsables das empresas máis puxantes do territorio, Luis López quixo remarcar a implicación da Deputación no apoio ao desenvolvemento económico da provincia. Malia ser un organismo que carece de competencias específicas en materia de industria, o dirixente do ente provincial  sostén que “estamos a dar pasos inéditos no apoio á transformación da nosa provincia en liña coa dixitalización, coa sostibilidade ou coa mellora dos espazos urbanos”. Para iso, puxo como exemplo o convenio para a dixitalización de 50 concellos de menos de 20.000 habitantes, a modificación das bases do programa PON2030 para deixar de penalizar os concellos que recibían fondos da Xunta ou do Estado ou a mobilización de 18 millóns de euros, dos que 12 millóns foron inxectados directamente nas arcas dos concellos, nos primeiros cen días de mandato.

Así e todo, a principal ferramenta para dinamizar a economía provincial á que se referiu o presidente da Deputación foi o recentemente presentado Plan +Provincia, que está dotado con 48,2 millóns de euros, a cifra máis alta da historia que a Deputación pon a disposición dos concellos. Neste sentido, López fixo especial mención á novidosa cuarta liña do programa, pensada para promover a redacción de proxectos de futuro que “mellorarán a calidade de vida da veciñanza, dinamizarán a actividade das nosas empresas e fortalecerán os lazos e a colaboración entre o sector público e o privado”

“Temos un compromiso rotundo coa economía desde o municipalismo”, aseverou o dirixente provincial e citou outras iniciativas coma o convenio coa Axencia Tributaria Galega para ser máis eficientes na recadación fiscal dos concellos, os 4 millóns de euros destinados a remodelar infraestruturas deportivas ou o apoio con 2 millóns de euros ao tecido asociativo, que inclúe unha liña específica para as comunidades de regantes a través do Plan +Aqua para xestionar de forma adecuada este recurso.

O presidente tamén quixo destacar o papel da CEP e a organización de eventos “de tanto calado” coma este Foro Empresarial pola Igualdade. Luis López subliñou a relevancia deste tipo de actos porque “poñen o foco na igualdade e na necesidade de recoñecer e darlle visibilidade ao importante papel que desempeñan as mulleres na dirección das empresas e dos proxectos máis importantes do noso territorio; poñen o foco na necesidade de apostar e traballar na dixitalización da nosa actividade económica como aliada da equidade entre mulleres e homes e tamén como garantía para manter unha economía competitiva e destacan a fortaleza das nosas empresas”.

Foi no momento de falar da puxanza do tecido empresarial da provincia cando o presidente recoñeceu que “se falamos de fortaleza é unha obriga falar de Vigo e da Confederación de Empresarios de Pontevedra”.

 “Tede por seguro que a Deputación vai ser sempre un socio estratéxico, leal e fiel da CEP e de todo o tecido empresarial e económico da provincia”, concluíu Luis López, cun compromiso compartido tamén pola vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, que participou na apertura desta xornada.

Fernández-Tapias: “ter mulleres directivas é crucial”

A representante do goberno provincial valorou este foro que “cada ano suma novas referentes para impulsar o debate sobre a situación da muller na empresa e que, por suposto, vai consolidándose pola implicación da CEP nunha cuestión tan crucial para a sociedade como é ter mulleres en postos directivos”.

Neste sentido, quixo felicitar á organización deste foro por seguir avanzando cara a plena igualdade entre mulleres e homes. Unha meta para a que “aínda queda moito por facer”. Fernández-Tapias tamén resaltou a transcendencia dos asuntos tratados nas tres mesas redondas, que lle deron forma a esta terceira edición do foro e a traxectoria de todas as relatoras.  “Expertas que falan dos ámbitos nos que son protagonistas, coma a tecnoloxía, a creatividade, a dixitalización ou o liderado”, subliñou e púxoas como exemplo para animar as estudantes a elixir carreiras da rama STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería ou matemáticas).

“Só dúas de cada dez mulleres se decantan por estas carreiras, que son as que hoxe marcan o ritmo do crecemento”, reflexionou a vicepresidenta, e fixo alusión ao compromiso do Goberno provincial de aplicar políticas de igualdade eficientes para “darlle a volta esta tendencia”, rematou.

Galerias de imaxes