Luis López avanza que o Plan +Provincia achegará máis investimento, máis autonomía local e máis apoio aos retos de futuro dos concellos

O primeiro Plan de obras e servizos do Goberno de Luís López alcanza a cifra histórica de 48,2 millóns de euros, dos cales o 70 % se reservan para investimentos

16/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou este sábado que o Plan +Provincia achegará máis investimento, máis autonomía local e máis apoio aos retos de futuro dos concellos. En conxunto, alcanzará os 48,2 millóns de euros , un 9,5 % máis que o ano pasado, que converterán o primeiro Plan de obras e servizos do actual Goberno no máis alto da historia da institución provincial. “O +Provincia será un motor de desenvolvemento local, o resultado da escoita activa aos alcaldes e un baluarte do municipalismo deste Goberno”, sinalou López.

Logo de presentarlles aos alcaldes as liñas mestras do plan en outubro e de recibir as demandas formuladas polos rexedores nas últimas semanas, López avanzou que o +Provincia incorporará catro liñas de subvencións para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes; todos, agás as cidades de Vigo e Pontevedra. Nomeadamente, reservaranse un total de 33,74 millóns na liña 1 para financiar investimentos (o 70 % do total), 4 millóns na liña 2 para atender a gasto corrente (8,3 %), 9,25 millóns na liña 3 para a activación do emprego (9,2 %) e, como novidade, incorporarse unha cuarta, dotada con 1,2 millóns de euros,  para financiar a redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas (3 %).

En canto á repartición, o plan distribuirá o crédito en segundo unha porcentaxe fixa, que será do 45 %, e unha variable, do 55 %, segundo criterios de poboación, superficie, núcleos e, por primeira vez, de incidencia do reto demográfico. Deste modo, o 43,57 % dos fondos (21 millóns) distribuirase entre os 36 concellos de ata 10.000 habitantes, mentres que o 33,71 % do orzamento (16,25 millóns) irá destinado aos 15 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes. Finalmente, os oito concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes beneficiaranse de 10,95 millóns, o 22,75 % do total. Deste xeito, preto do 80 % do orzamento do +Provincia recaerá nos concellos de menos de 20.000 habitantes para atender as súas necesidades.

Maior autonomía local

Entre as novidades, e como resposta á demanda de numerosos alcaldes ante a pronunciada suba de custos, o +Provincia ofreceralles aos concellos maior autonomía local para decidir as súas necesidades de gasto. Así, ademais de contar cos fondos da liña de gasto corrente, os concellos poderán recorrer a ata un 30 % —e con carácter excepcional e só en 2024 a ata un 50 %— do crédito de investimento para amortizar débedas de exercicios pasados, financiar servizos municipais ou obras non consideradas de investimento, sempre e cando estean debidamente xustificados.

Desafíos dos municipios

Do mesmo xeito, para axudar os concellos a afrontar aos seus grandes desafíos de futuro, a Deputación incorporará nas bases do +Provincia iniciativas coma a liña 4, destinada a que os municipios poidan redactar proxectos encamiñados á transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas.

O Goberno de Luís López decidiu, ademais, incorporar dentro dos baremos de repartación un criterio de reto demográfico co que reforzar o apoio a aquelas zonas que máis están a padecer esta realidade, que se sumará aos de poboación, superficie e núcleos de poboación. Este criterio ponderará os concellos que máis perderon poboación nos últimos dez anos e as que maior índice de envellecemento presentan, segundo a relación entre a poboación maior de 64 anos e a menor de 20. Esta consideración cara ao reto demográfico súmaselle a outras medidas postas en marcha pola Deputación, coma a creación dun novo Servizo de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, dotado con 1,2 millóns de euros, no vindeiro Orzamento.

Finalmente, Luis López afirmou que o +Provincia “evidenciará a vontade da Deputación de tender pontes coa Administración local e estar ao seu carón para que a provincia vaia a máis”. O +Provincia é o principal plan de Cooperación da Deputación, área que concentrará o vindeiro ano a maior parte dos 189,2 millóns do Orzamento provincial, con 66 millóns, un 16 % máis que en 202; 1 de cada 3 euros irán dirixidos a apoiar directamente os concellos.