Luis López destaca a mobilización de 18,5 millóns de euros, dos que o 70 % foron para os concellos, no balance dos seus cen primeiros días de mandato

O novo goberno da Deputación demostra estar ao carón da veciñanza de toda a provincia ao realizar máis de 270 actos, unha media de tres por día, neste comezo de mandato

13/10/2023

Xeira en Carboeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López destacou a mobilización de máis de 18,5 millóns de euros por parte do goberno provincial ao longo dos seus cen primeiros días de mandato. Nun balance sobre o comezo do súa etapa á fronte da Deputación, o dirixente subliñou que “foron cen días de estar pegados á rúa, cen días dun goberno que demostra cada día ser o de todos, lonxe do sectarismo; e cen días de municipalismo”.

Despois de poñer en valor os máis de 270 actos nos que participaron os integrantes do goberno provincial, que dá unha media de tres e ata catro actos ao día; Luis López quixo contrarrestar “as opinións ou mesmo os insultos que levamos recibindo neste tempo con cifras e datos reais”. Subliña o mandatario provincial que dirixe unha “Deputación de todos” porque nos últimos meses “o contacto en público e en privado cos alcaldes, con outras administracións, cos cidadáns na rúa e co tecido asociativo foi unha constante”.

No eido económico, estes primeiros meses de mandato serviron para mobilizar soamente a través da Xunta de Goberno 18,5 millóns de euros. Unha cantidade da que o 70 % (12,6 millóns) recaeu directamente nos concellos. Por áreas, o goberno de Luis López dedicou 1,8 millóns á programas para a mocidade, 1,8 millóns, ao deporte; 1 millón, ao medio ambiente; 410.000 euros, a programas de igualdade; 300.000 euros, a cultura; e máis de 250.000 euros, para o reto demográfico.

Ademais da xestión de fondos, a Deputación, con Luis López á cabeza, protagonizou numerosos fitos significativos que dan boa conta do novo talante deste goberno e dunha forma de actuar marcada pola comunicación, colaboración e lealdade institucional con todas as administracións. Deste xeito, o presidente mantivo entrevistas persoais cos alcaldes de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, “ningún, por certo, do noso partido”, matizou; deuse un novo rumbo ao Museo de Pontevedra e ao convento de Santa Clara, o compromiso co proxecto da nova grada de Gol do estadio de Balaídos, a concreción das transferencias do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería, os investimentos en Príncipe Felipe, as melloras na Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou o novo Observatorio Turístico.

“Na miña toma de posesión comprometinme a converter aos concellos nos grandes protagonistas deste mandato. Dirixímonos aos 61 para poñernos a súa disposición, investimos neles e traballamos en plans de futuro para situalos no centro. É dicir: cumprimos e seguiremos cumprindo”, insistiu Luis López.

Para afianzar aínda máis este compromiso, recordou o presidente da Deputación que “o vindeiro luns recibiremos aquí ás alcaldesas e os alcaldes da provincia para trasladarlles que outros dos compromisos que adquirín, o de potenciar os investimentos municipais, tamén o imos cumprir”.

“Foron cen días que deron resultados, que abriron a Deputación a toda a veciñanza, concellos e colectivos sen excepcións, e que darán froitos relevantes para a provincia nas vindeiras semanas”, concluíu Luis López.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.