O rock do grupo Suevia carga na Cañiza contra a violencia machista no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

Música para a liberdade da muller cunha actuación desenvolvida na praza Maior

18/08/2022

Concerto de Suevia na Cañiza  

"Vive e deixa vivir" foi o lema con que as "rockeiras" de Suevia cargaron contra a violencia machista no concerto que constituíu a nova acción do programa provincial "Mulleres en Acción. Violencia Zero" desenvolvida no concello da Cañiza. As catro integrantes da formación protagonizaron unha sentida actuación na praza Maior na que reivindicaron a liberdade da muller, de xeito especial con temas como "Princesas", e á que asistiu a deputada provincial Ana Laura Iglesias, amais do alcalde Luis Gómez Piña.

Suevia, formado por Susi Quiu, Patricia, Fati Cadavera e Olga Starr, defendeu na súa intervención que a violencia machista é "a que se exerce sobre as mulleres só polo feito de selo, permitida e aceptada". Deste xeito, arengou contra "misóxinos, intolerantes, machistas e maltratadores". "Esta clase de pensamentos entorpece o papel das mulleres e o seu avance cara á a igualdade. Por iso, hoxe dicímoslle non á violencia machista, reivindicando o noso camiño cara adiante, cara a un mundo onde os valores humanos e democráticos non teñan sombras". Para as artistas, "quen xustifica a violencia sobre as persoas máis vulnerables, nenas e nenos, mulleres, menores inmigrantes non acompañados, minorías raciais etc., utiliza contra elas unha violencia sistémica, mais tamén dialéctica, onde entre outros termos lles chaman feminazis, co que conseguen criminalizar as vítimas". "Isto -defende Suevia- resulta moi perigoso para unha sociedade que está por detrás doutros países en materia de educación, debido aos recortes ou sinxelamente porque temos unha democracia moi nova e aínda con demasiados vestixios da ditadura".

Suevia formouse en 2019 por mulleres con experiencia en formacións anteriores que decidiron unirse e levar adiante un proxecto musical influenciado polo rock dos anos 70 e 90. O seu primeiro disco, Luces y sombras, estreado en 2021, recolle cancións de temática principalmente social e letras comprometidas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.