Pelepau Sinfónico actúa este domingo en Barro ao abeiro do programa “Musigal” da Deputación

Trátase dun concerto conxunto coa Banda de Música Xuvenil de Barro. Terá lugar ás 20:30 horas na praza da Crega

02/09/2023

O grupo Pelepau e a Banda de Música Xuvenil de Barro actuarán este domingo 3 de setembro, ás 20:30 horas, nun concerto conxunto na explanada do pazo da Crega da localidade ao abeiro do programa da Deputación de Pontevedra “Musigal”. A actuación fusionará a música clásica con coñecidos temas do repertorio de música tradicional galega.

Pelepau naceu no ano 2010 co fin de adaptar temas de tradición galega para percusións e voces. Está formado por once percusionistas, todos eles mestres en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega de recoñecida traxectoria. Os instrumentos de percusión empregados polo grupo nos seus concertos son, na súa gran maioría, tradicionais, entre os que destacan os que antigamente eran utensilios do día a día, coma culleres, tixolas, botellas de anís ou morteiros. Teñen dous discos publicados; o primeiro é Fío e agulla, e o segundo, publicado en 2020, Na beira.

A Banda de Música Xuvenil de Barro nace en 1992 ao amparo dun grupo de familias do concello co fin de fomentar a cultura musical entre a mocidade. Ao longo da súa historia recibiu numerosos galardóns, coma o terceiro premio no certame Villa de Aranda del Duero, así como premios no Certame Galego de Bandas de Música, no Certame Provincial de Bandas de Música de Pontevedra ou no Festival Zonal de Bandas de Música.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.