A Deputación aproba investimentos de 1,5 millóns de euros para outros 10 municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos

Os recursos provinciais estarán destinados á contratación de 161 persoas

19/02/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos 2022-2023 das que se verán beneficiados outros 10 municipios da provincia que con estas partidas poderán financiar a contratación de 161 persoas. As subvencións, que suman un total de case millón e medio de euros, corresponden á liña 3 do plan provincial que chegarán aos concellos da Cañiza, Covelo, A Estrada, O Grove, Meis, Oia, Moraña, Ponteareas, Soutomaior e Vilanova de Arousa para contratar persoas con perfís como albaneis, guías de turismo, peóns e peoas de medio ambiente ou animadores/as socio-culturais.

Os fondos provinciais chegarán á comarca do Deza, cunha achega para A Estrada de 209.870 € para contratar a 20 persoas, e á do Salnés, onde O Grove contará con 177.800 € para contratar a 19 persoas, Meis con 106.100 € para facer o mesmo con outras 11 e Vilanova de Arousa con 164.750 € para contratar a 17 persoas.

Tamén foron aprobadas achegas para a comarca de Pontevedra con 108.000 € para contratar a dez persoas en Moraña e á do Baixo Miño con outros 102.400 € para que Oia contrate a once persoas.

Na comarca de Vigo será o concello de Soutomaior o que reciba 128.200 € para contratar a 18 persoas. Por último, para a comarca do Condado-Paradanta foron aprobadas achegas para A Cañiza, 124.900 € para contratar a 12 persoas, Covelo, 103.250 € para 14 persoas, e Ponteareas, 256.700 € para contratar a 29 persoas.