A Deputación aproba case 1,5 millóns de euros para outros oito municipios ao abeiro do Plan Concellos

Vilanova, Vilagarcía, Poio, Moaña, Cangas, Redondela, Tomiño e O Rosal poderán actuar en estradas e camiños, en iluminación sostible e na mellora de locais

13/05/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de dar luz verde a novos recursos para os municipios da provincia da man da liña 1 de Inversións do Plan Concellos. En total son nove achegas que suman 1.489.515 euros e coas que Vilanova, Vilagarcía, Poio, Moaña, Cangas (a onde que chegarán dúas subvencións), Redondela, Tomiño e O Rosal realizarán actuacións de iluminación, melloras en estradas e camiños ou acondicionamento de locais.

Para a comarca do Salnés foi aprobada unha achega de 130.680 euros cos que Vilagarcía de Arousa substituirá as luminarias do campo de fútbol da Lomba por unhas novas tipo LED que aumentarán o nivel de iluminación á vez que reducen o consumo eléctrico. Tamén se deu luz verde a unha achega de 69.000 euros para Vilanova de Arousa cos que se acondicionará a planta baixo cuberta do centro de formación do Pazo de Vista Real aumentando a superficie dispoñible ao crear dúas aulas grandes e unha pequena coas que se ampliará a oferta de cursos e actividades. Para a comarca de Pontevedra aprobouse unha subvención de 154.500 euros que beneficiará ao concello de Poio, onde se acondicionará un local ten na Reiboa (A Seca) e que atualmente se destina a talleres profesionais para convertelo nun espazo de coworking no que se realizarán actividades orientadas á potenciación da xeración de emprego, riqueza e benestar social.

Os fondos provinciais tamén chegarán á comarca do Morrazo. Neste senso, foron aprobadas dúas achegas para Cangas que suman 148.095 euros coas que se realizará unha adecuación funcional de tres vivendas para a súa posta en funcionamento con uso de vivenda de carácter social (72.170 euros) e se dará saneamento ás vivendas situadas na Baixada a Francón (75.925 euros). E Moaña, cunha achega de 137.820 euros, asfaltará a Travesía Praza A Feira – Colexio Abelendo, o camiño Ameixada – O Casal e a rúa Daniel Castelao.

Para a comarca de Vigo aprobouse unha achega de 546.540 euros cos que Redondela executará un aparcadoiro disuasorio en Vilavella. A Xunta de Goberno tamén aprobou recursos para a  comarca do Baixo Miño con achegas para O Rosal e Tomiño. O primeiro destes concellos contará con 168.580 euros cos que se renovarán as rúas da contorna do Calvario (como a rúa Nova do Couso, a rúa Manuel Suárez Marquier ou a rúa Cabasqueiros) que presentan deficiencias na pavimentación e sinalización e non compren cos estándares de accesibilidade e seguridade para as persoas que camiñan. Pola súa banda, Tomiño ampliará e mellorará a estrada de Barrantes dende o Camiño Novo ata o cruce de San Miguel coa ampliación da plataforma da estrada e actuacións en algunhas curvas para aumentar a seguridade viaria cunha achega de 134.300 euros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.