Marta Fernández-Tapias asistiu no Centro Comercial Gran Vía de Vigo á presentación da campaña “Cada niño un juguete”

09/11/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no Centro Comercial Gran Vía de Vigo á presentación da campaña “Cada niño un juguete”, unha iniciativa que a Asociación STOP puxo en marcha no ano 2009 para recadar xoguetes para nenas e nenos de familias necesitadas. A vicepresidenta animou a cidadanía a “sumar o noso gran de area para conseguir que ningunha nena ou neno de Vigo nin da provincia sexa consciente do que lle falta. Consigamos sumar sorrisos, sexamos solidarios e doemos ese xoguete en bo estado que temos gardado” para colaborar coa campaña, que está en marcha ata o 23 de decembro.

A responsable provincial en Vigo e na área convidou a cidadanía contribuír e superar as cifras acadadas no 2022, ano no que se repartiron máis de 16.000 xoguetes, ben directamente ou a través das entidades e organizacións benéficas colaboradoras.

Asemade, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial co benestar da cidadanía da provincia. "É o noso obxectivo que as nosas veciñas e veciños, vivan onde vivan, teñan as mesmas oportunidades e posibilidades, e traballaremos con esforzo para conseguilo”, anotou.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.