O Goberno de Luis López lanza o novo programa “Provincia activa” para favorecer o envellecemento activo da cidadanía de Pontevedra

“Provincia activa” vertébrase arredor de 130 obradoiros abertos a persoas maiores de 50 anos da provincia. Está previsto que en 2024 participen 3.000 persoas

18/11/2023

O Goberno de Luis López lanza o novo programa “Provincia activa”, que, cun orzamento de preto de 150.000 euros, favorecerá o envellecemento activo da cidadanía de Pontevedra e a participación das persoas maiores en actividades que promoven a creación de espazos de encontro e o intercambio de experiencias. Está previsto que nesta iniciativa, que se vertebra arredor de 130 obradoiros abertos ás e aos maiores de 50 anos da provincia, participen 3.000 persoas ao longo de 2024.

“Provincia activa”, cuxas bases acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, está aberto a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. O obxectivo do Goberno provincial é impulsar a independencia destas persoas para evitar o seu illamento e as situacións de soidade non desexadas. Ademais, a través do programa promoverase a participación das persoas maiores e fomentarse a cooperación social.

Cada entidade interesada poderá solicitar un obradoiro entre a ampla oferta deseñada pola Deputación, que abarca temáticas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais. En concreto, a institución provincial ofertará cursos de pilates, ioga, ximnasia de mantemento, conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, terapia emocional, teatro, plantas medicinais, restauración de mobles, bailes de salón, pandeireta, canto popular, habilidades dixitais e informática. Cada obradoiro terá unha duración de 30 horas e impartirase en xornadas de entre unha e tres horas á semana ao longo de 2024.