A Deputación publica no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as axudas ás e aos 287 deportistas de elite da provincia

A liña esgota o seu orzamento de 250.000 euros que irán parar a 179 deportistas de alto nivel, 12 con discapacidade, e a outras 96 grandes promesas do deporte da provincia

11/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as achegas a 287 deportistas de elite da provincia que ascenden a 250.000 euros. As axudas, que este ano chegan, tal e como asegurou o presidente provincial, a “unha cifra récord, con 16 deportistas máis que o ano pasado e co número de persoas beneficiarias máis elevado desde que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta liña de subvención”, teñen por obxectivo costear a participación de 179 deportistas de alto nivel, 12 con discapacidade, e de outras 96 grandes promesas do deporte, en competicións.

A Deputación de Pontevedra esgotou o crédito dispoñible desta liña, 250.000 euros, a razón de 3.000 euros como máximo en función dos resultados que obtivesen as e os deportistas o ano pasado desde o nivel de Galicia ata o internacional. Deste xeito, benefícianse destas axudas grandes nomes do deporte da provincia de Pontevedra coma Teresa Portela, Desirée Vila, os irmáns Rodríguez Huertas (Iria, Roi e Uxía), Susana Rodríguez Gacio, Antía e Daniel Chamosa, Agustín Alejos, Antía Jácome ou Tono Campos.

A resolución completa coas e cos deportistas de alto nivel e promesas que se benefician neste 2023 destas axudas acaba de publicarse no BOPPO e materializa, unha vez máis e en palabras do presidente, que o deporte “é un eixe estratéxico” do Goberno provincial e que “o noso apoio ás e aos deportistas está máis que garantido, xa que non queremos que ninguén teña que renunciar aos seus soños por falta de apoio. O esforzo enorme das e dos deportistas súmase ao esforzo económico da Deputación: teñen talento dabondo e nós imos estar ao seu carón”.