Luis López anuncia axudas “de récord de beneficiarios” para 287 deportistas de elite da provincia

A liña esgota o seu orzamento de 250.000 euros, que irán parar a 179 deportistas de alto nivel, 12 con discapacidade e a 96 grandes promesas do deporte da provincia

06/10/2023

AXUDAS DE RÉCORD DEPORTISTAS ELITE PROVINCIA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta na Xunta de Goberno, da aprobación da concesión das bolsas ás e aos deportistas de elite da provincia de Pontevedra, que este ano chegan “con récord de beneficiarios. Imos apoiar 287 deportistas, 16 máis que o ano pasado e a cifra máis alta desde que a Deputación puxo en marcha estas axudas, destinadas a costear a súa participación en competicións e traer os seus logros a esta provincia”, sinalou o presidente provincial.

Luis López detallou o repartimento das axudas concedidas. Dos 287 deportistas que recibirán as bolsas, “179 son deportistas de alto nivel, 12 deportistas con discapacidade e 96 novas promesas”. A Deputación de Pontevedra esgotou o crédito dispoñible desta liña, 250.000 euros e a razón de 3.000 euros como máximo, en función dos resultados que obtiveran o ano pasado desde o nivel galego ata o internacional.

O presidente da Deputación sinalou que entre as e os beneficiados se atopan grandes nomes do deporte da provincia “coma Teresa Portela, Desirée Vila, os irmáns Rodríguez Huertas (Iria, Roi e Uxía), Susana Rodríguez Gacio, Antía e Daniel Chamosa, Agustín Alejos, Antía Jácome ou Tono Campos, unha amplísima representación do deporte de alto nivel da provincia”.

Luis López asegurou que “o deporte é un eixe estratéxico para nós e o noso apoio aos deportistas está máis que garantido, xa que non queremos que ningún teña que renunciar aos seus soños por falta de apoio”. “O esforzo enorme dos deportistas súmase ao esforzo económico da Deputación, teñen talento dabondo e nós estamos ao seu carón”, rematou o presidente.

videos

audios