Redondela recibe máis de medio millón de euros do Plan Concellos da Deputación para executar o aparcadoiro disuasorio en Vilavella

A achega supón preto do 27,5% do total do orzamento do plan provincial destinado a Redondela, que ascende a 1.992.862 euros  

13/05/2022

A Deputación de Pontevedra vén de conceder ao concello de Redondela 546.540 euros da liña 1 do Plan Concellos, unha importante achega económica coa que o Concello poderá executar o aparcadoiro disuasorio en Vilavella. Con esta subvención, que representa preto do 27,5% do orzamento do Plan Concellos 2022-2023 destinado a Redondela (1.992.862 euros), a institución provincial continúa a apostar pola autonomía dos concellos con investimentos destinados a mellorar os servizos que son de competencia municipal.

O aparcadoiro proxectado contará con 150 prazas e seis delas estarán adaptadas ás necesidades das persoas coa diversidade funcional. Estará situado na contorna da Praza de Ponteareas e o Convento de Vilavella, nunha parcela ocupada na actualidade por unha nave industrial que será demolida.

Con esta actuación acadarase a reurbanización integral do espazo urbano e eliminaranse as barreiras arquitectónicas, porase en valor o Convento de Vilavella -ao eliminar o a nave que se lle uniu e que empobrece o conxunto- e mellorarase a relación do espazo co río Maceiras. Ademais, reduciranse as emisións contaminantes producidas polo tráfico rodado. Todo isto permitirá a mellora da calidade do espazo urbano e a súa activación social, cultural e económica.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.