Salceda reforma o seu mercado de abastos cunha achega do Plan Concellos da Deputación

A Administración provincial tamén financiou a mellora e ensanche do camiño municipal de Outeiro, que conecta coa EP2501 Salceda-A Picoña

11/04/2022

Salceda moderniza o seu mercado de abastos

O Mercado de Abastos de Salceda de Caselas vén de ser obxecto dunha actuación que permitiu dar solución aos problemas de filtracións e, amais, habilitar un novo espazo de uso común e mellorar a accesibilidade e a sinalización, obras que foron cofinanciadas cunha achega do Plan Concellos da Deputación. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e a deputada Raquel Giráldez coñeceron a remodelación efectuada nas instalacións no encontro mantido coa alcaldesa Verónica Tourón e representantes da corporación, cos que visitaron posteriormente a mellora realizada no camiño municipal de acceso a Outeiro, financiada tamén a través do plan provincial. En total, en ambas actuacións a achega da Deputación  sumou preto de 50.000 euros.

No que atinxe ao Mercado de Abastos, os traballos tiveron tres eixes. Dunha banda, restituíronse as cubertas actuais para solucionar os problemas de impermeabilización que provocaban humidades nas zonas das cámaras e sobre a cuberta do futuro bar. Amais, dotouse ao edificio de dous novos aseos adaptados, que ocupan a zona dun antigo posto do mercado e para cuxo acceso habilitouse un novo espazo de uso común que sirve de distribuidor. Por último, mellorouse a sinalización dos postos existentes, mediante  paneis troquelados lacados e executouse a da nova zona de aseos. As obras tiveron un orzamento de 75.625 euros, dos que a Deputación financiou un total de 25.625 euros a través do Plan Concellos 2020.

Por outra banda, a actuación levada a cabo no viario de Outeiro responde á mellora que o Concello está a efectuar na súa rede de estradas, a fin de garantir a súa seguridade, e consistiu no ensanche da plataforma e a mellora da pavimentación do citado camiño municipal, situado na parroquia de San Xurxo e que dá acceso a Outeiro partindo da estrada provincial EP-2501 Salceda-A Picoña.

Os traballos permitiron renovar o pavimento deste viario, que se atopaba notablemente deteriorado e que ten un elevado nivel de uso, e tamén ensanchalo en dous tramos que contaban cunha una escasa anchura de plataforma. Ademais, acometéronse obras de mellora da drenaxe de augas pluviais ao longo do camiño, concretamente nos primeiros metros de percorrido desde a estrada provincial.  A nova pavimentación acometeuse co estendido e compactado dunha capa de rodadura con mestura bituminosa en quente.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.