A Deputación reforza a súa política social e incrementa ata os 380.000 euros as subvencións ás entidades da provincia

13/01/2023

A Deputación de Pontevedra reforza a súa aposta pola política social e no 2023 incrementará o orzamento das axudas destinadas a asociacións e colectivos que traballan con programas destinados á poboación máis vulnerable. A presidenta, Carmela Silva, anunciou hoxe que a institución destinará este ano un total de 380.000 euros a 23 entidades da provincia que desenvolven actividades no eido social. Destes fondos, unha partida de 80.000 euros terá como destino a cidade de Pontevedra e posibilitará o mantemento da actividade de media ducia de asociacións que desenvolven proxectos para persoas con diversidade funcional ou enfermas de cancro ou Alzhéimer.

Enxalzar o traballo do tecido asociativo

O obxectivo destas axudas é por en valor o traballo do tecido asociativo da provincia, colaborando con 23 entidades que desenvolven “tarefas e servizos imprescindibles” para milleiros de familias de Pontevedra, en palabras de Carmela Silva. As entidades beneficiarias desenvolven programas e iniciativas de inserción laboral, atención a persoas con diversidade funcional, alfabetización, atención á infancia en situación vulnerable, fomento da autonomía persoal ou atención a pacientes e familiares de enfermidades como o cancro ou Alzhéimer.

No concello de Pontevedra beneficiaranse destas subvencións nominativas a Asociación de Atención á Parálise Cerebral -Amencer-Aspace- (15.000€); a Asociación Española contra o Cancro -AECC- (15.000€); a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Pontevedra -AFAPO- (20.000€); a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia -XOGA- (10.000€); Down Pontevedra (10.000€); e a Fundación Juan XXIII (10.000€).

No resto da provincia, na cidade de Vigo son once os colectivos que recibirán as axudas da Deputación: a Asociacións de Persoas con Discapacidade -COGAMI- (40.000€); a Fundación Monte do Gozo. Proxecto Home (20.000€); a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia -AFAGA- (20.000€); Saúde Mental FEAFES- Galicia (20.000€); a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga -Alborada- (15.000€); a Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral - APAMP (15.000€); a Fundación Érguete-Integración (12.500€); Asociación Érguete (12.500); Down Vigo (10.000€); a Asociación de Apoio á Infancia e Mocidade -Arela- (10.000€); e Radio ECCA Fundación (10.000€). As axudas destinadas á comarca viguesa complétanse con unha subvención de 40.000 euros concedida á Confederación de Persoas con Discapacidade -COGAMI- para o seu proxecto en Mos.

Os recursos provinciais tamén axudarán a manter a actividade da Asociación de Atención á Parálise Cerebral -Amencer-Aspace- de Moaña, que recibirá unha axuda de 15.000 euros, e da Asociación Érguete de Prevención das Drogodependencias e de Educación e Promoción da Saúde do Baixo Miño cunha partida de 10.000 euros para novos proxectos. Na comarca do Salnés entra na actual convocatoria de axudas a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer -AFASAL-, á que se lle conceden 15.000 euros.

De xeito adicional, a Deputación de Pontevedra colaborará neste 2023 con outras dúas entidades de ámbito galego: Fundación Unicef-Comité Español (15.000€) e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (15.000€).

Enlaces de interés