Luís López anuncia a mobilización de fondos para a renovación da iluminación do campo de fútbol de Príncipe Felipe

O goberno provincial aproba unha modificación de crédito por valor de 100.000 euros para atender unha demanda dos clubs

08/09/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres unha mobilización de fondos para a renovación da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo de Príncipe Felipe para dar cumprimento a unha demanda histórica dos equipos que adestran a diario nesta instalación.

Esta intervención levarase a cabo a través dunha modificación de crédito por valor de 100.000 euros que se destinarán a renovar a iluminación do campo.

“Hai unha semana explicamos con transparencia o complexo estado no que se atopaban as contas da Deputación, entre elas as contas do servizo de Deportes, que se atopan por debaixo do 5 % dispoñible. Pero tamén comentei que este goberno ía facer todo canto estivera na súa man por atender as necesidades da provincia e hoxe podemos facer realidade ese compromiso”, declarou o presidente Luis López antes da celebración da Xunta de Goberno de cada venres.

Neste campo de fútbol adestran e xogan a diario numerosos equipos, moitos deles con rapaces e rapazas de categorías infantís, que sufrían a diario, sobre todo no inverno, os problemas da falta de luz. “Era hora de que foran antendidos”, rematou o dirixente provincial.