A Deputación mostra o seu apoio e colaboración co encontro profesional de músicas de Galicia e Portugal (MUMI)

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Roberto Carrero, reuniuse co responsable do evento que se está a celebrar na Eurocidade Tui – Valença, Roxo Lorenzo

22/09/2023

REUNIÓN DEPO MUMI

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, Roberto Carrero, mantivo unha reunión esta semana co responsable do IV Encontro Profesional de Músicas de Galicia e Portugal (MUMI), Roxo Lorenzo, que se celebra ata este domingo na Eurocidade Tui – Valença, do que a institución provincial é un dos patrocinadores. Na reunión, o deputado, tamén director do AECT Río Minho, interesouse pola situación actual dos profesionais da música tanto en Galicia como en Portugal e explorou, xunto ao responsable do MUMI, novas vías de colaboración para o futuro, a través de diferentes encontros transfronteirizos entre a provincia e o norte do país luso.

O MUMI é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para a música de ámbolos dous países. Esta iniciativa, que comezou o pasado día 21 e remata o domingo, reúne nestes días artistas/bandas, promotoras, empresas de xestión musical, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer propostas en primeira persoa. Ademais, ten programados varios concertos en diferentes puntos da Eurocidade Tui – Valença.