O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

Os obradoiros céntranse en ciberseguridade, fabricación dixital, ferramentas de email márketing e fidelización de clientes de aloxamientos

02/07/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático.  Centraranse na copia de seguridade como medio de ciberseguridade, en fabricación dixital a través de debuxo con Onshape VII, no Sendinblue como ferramenta de email márketing e na fidelización no sector turístico.

A programación arrancará o luns, 3 de xullo, co obradoiro “Ciberseguridade, copias de seguridade” no que se dará a coñecer a importancia de ter os datos apoiados nunha copia de seguridade,  pola posibilidade de ser vítima dun ransomware ou calquera outro incidente coma roubos, inundacións ou subidas de tensión. O taller comezará ás 10:00 e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.

O martes 4 de xuño ás 11:00 impartirase o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VII – Proxecto final I” que forma parte dun obradoiro mixto no que haberá formación en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Este curso, impartido tamén por Manuel Freire, consta dunha formación teórica de 30 horas e doutra práctica de 20 horas co obxectivo de dotar ás persoas asistentes da capacidade de deseño e fabricación dunha peza en 3D.

O mércores 5, ás 11.00 h, terá lugar unha acción formativa telemática centrada nas “Ferramentas de email márketing: Sendinblue”. Nela, darase a coñecer o Sendinblue como ferramenta para convertir o proceso de email márketing nunha tarefa áxil, eficiente e rápida. Tamén crearanse campañas de email, editaranse plantillas e configurarase este instrumento para mellorar a produtividade. Este taller será impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas.

O xoves 6 ás 11:00, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, exporá de xeito telemático as “Ferramentas para fidelizar aos clientes do meu aloxamento”, onde se ensinará ás persoas asistentes cales son as estratexias para fidelizar ás e aos clientes sen facer grandes gastos e ideas para captar reservas directas sen pagar comisións.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.