O programa SmartPeme da Deputación pecha o curso 2022/2023 con catro obradoiros formativos

Centraranse en ciberseguridade, márketing dixital, LinkedIn e fabricación dixital. Os cursos e actividades formativas retomaranse en setembro

09/07/2023

O programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación pecha o curso 2022/2023 con catro novas accións formativas que terán lugar esta semana e se enmarcan na súa carteira de obradoiros. Estas actividades, impartidas de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade nos dispositivos móbiles, na creación dun plan de márketing dixital, no uso de LinkedIn de maneira empresarial e na fabricación dixital a través de Onshape. Os cursos e actividades formativas de SmartPeme retomaranse en setembro.

O luns 10 ás 10 horas terá lugar o primeiro dos obradoiros, titulado “Ciberseguridade, dispositivos móbiles”. Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de poñer en valor a importancia de protexer os dispositivos móbiles dada a relevancia que cobran na xestión dos negocios.

O martes 11 ás 11 horas dará comezo o taller de “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VIII – Proxecto final II”. Esta actividade enmárcase nun itinerario formativo, que remata nesta mesma xornada, cunha parte teórica online e unha parte presencial con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Aquelas persoas que estiveron a participar no programa recibiron unha ampla formación teórica en debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2h), así como prácticas centradas no uso de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D  (4 h). Manuel Freire será novamente o docente encargado de impartir a formación.

O mércores 12, ás 12.00 h, terá lugar unha acción formativa telemática centrada en “Como usar LinkedIn para empresas e profesionais”. Nela aprenderase a crear un perfil profesional e unha páxina de empresa optimizada, así como a potenciar unha marca na rede profesional, dende a introdución ata a promoción de produtos ou servizos. Este taller será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Comunicación Corporativa.

O xoves 13, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, conducirá o taller “O teu plan de márketing dixital, paso a paso”, onde explicará ás persoas asistentes en que consiste un plan de márketing dixital, os seus beneficios e como crealo paso a paso para evitar o fracaso dunha campaña dixital.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.