As entradas para o encontro da Selección Española Feminina de Fútbol en Pasarón sairán á venda o xoves 23 de novembro

As localidades para ver o partido que se disputará en Pontevedra entre as campioas do mundo e a selección de Italia custarán entre 10 e 15 euros

16/11/2023

Selección española de fútbol en Pasarón

A Selección Española Feminina de Fútbol que dirixe Montse Tomé regresa a Galicia, concretamente a Pontevedra, e faino cun encontro oficial fronte a Italia, valedoira para o grupo D da UEFA Women’s Nations League, que se xogará o vindeiro 1 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón. A Federación acaba de anunciar que as entradas para este encontro sairán á venda o xoves 23 de novembro, con prezos que oscilarán entre os 10 e os 15 euros.

A única canle de venda das entradas será a web oficial da federación (tickets.rfef.es), que estarán dispoñibles a partir das 12:00 horas dese xoves. As localidades de Tribuna terán un prezo de 15 euros, mentres que as de Preferencia se fixarán en 12 euros e, no caso de ambos fondos, as entradas custarán 10 euros. Ademais, poranse á venda entradas para persoas con mobilidade reducida (en cadeira de rodas), que terán un prezo de 15 euros en Tribuna e 12 euros en Preferencia, que neste caso incluirá unha localidade para a persoa acompañante. Estas entradas deberán solicitarse previamente a través da mencionada web (tickets.rfef.es).

A Deputación colabora con este encontro, que converterá a Pontevedra de novo no escenario dunha competición deportiva internacional de grande importancia, como parte do seu compromiso co deporte ao tratarse dun dos eixes prioritarios do Goberno provincial. Neste sentido, a Administración provincial apoiará economicamente esta cita ante a selección italiana cun patrocinio de 200.000 euros.