Xa están rematadas as obras da glorieta que comunica as EP-4006 e EP-4202 co centro urbano das Neves

A actuación, cun orzamento de 142.000 € financiado integramente pola Deputación, supón a mellora da funcionalidade e da seguridade do tráfico peonil e rodado na vía

14/11/2022

VISITA OBRAS AS NEVES EP-4006

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006, nas Neves. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde da vila, Xosé Manuel Rodríguez, e o tenente de alcalde Marcelino Couto visitaron os traballos que se realizaron nesta vía de dobre sentido que comunica As Neves con Ponteareas, e que tamén transcorre por Salvaterra de Miño. As obras tiveron un orzamento de 142.000 € financiados integramente pola Deputación xa que o 30% correspondente ao concello, preto de 43.000 €, corre a cargo do Plan Concellos.

A actuación centrouse na mellora da rotonda situada na intersección desta vía coa EP-4202, a continuación da senda peonil acometida pola Deputación fai un par de anos partindo do núcleo do Rabelo, en Tortoreos, ata a conexión dos centros educativos e o centro das Neves. A solución deseñada deu prioridade ao tráfico peonil e supón unha mellora para a seguridade deste e do tráfico rodado, así como da funcionalidade da estrada. Increméntase o espazo ocupado polas beirarrúas e reordénanse os accesos á glorieta e ao aparcadoiro de autobuses.

O proxecto tamén contemplou a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais coa reposición dos sumidoiros ou a renovación do alumeado público substituíndo os puntos de luz actuais por luminarias LED e a incorporación de dúas novas na contorna dunha nova marquesiña e doutras tres ornamentais no terreo interior da rotonda. Tamén se instalaron 9 árbores ao longo das beirarrúas, 4 bancos de pedra granítica, nova sinalización horizontal e vertical e letras decorativas que forman o texto “#ViveNasNeves” nunha das beirarrúas. A actuación comprende un treito total de 120 metros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.